Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
a "outros conceptos"

Denuncian que o bipartito "desviou" 98 millóns de euros que ían para a banda larga e TDT

O director xeral de Medios advirte de que a primeira fase de despregamento da TDT "non poderá cumprirse" no prazo previsto.

Redacción - 09:00 26/06/2009

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, revelou esta quinta feira que o bipartito "desviou" un total de 98 millóns de euros procedentes dun crédito estatal, cuxo destino era o despregamento da TDT e a banda larga, ao pago de "outros conceptos" que dixo descoñecer. Durante a súa intervención na Comisión Institucional, Cabaleiro sinalou que o Ministerio de Industria e a anterior Xunta subscribiran un convenio sobre o Plan Avanza para "financiar as infraestruturas necesarias para servizos de banda larga e o despregamento da TDT". En total, as contías eran de 93 e 5 millóns, respectivamente.

Con todo, o novo Goberno "cando reclamou á Dirección Xeral de Orzamentos" viu que os cinco millóns que lle correspondían ao despregamento das fases II e III da TDT, "xa foran gastados en 2008". Neste sentido, Cabaleiro amosou a súa "inquietude persoal" sobre se o anterior conselleiro de Industria, Fernando Branco, "foi consciente de que lle quitaron 93 millóns de euros" por parte dos seus socios de goberno e concluíu que esta acción do anterior Executivo foi para "maquillar os seus orzamentos antes das eleccións". "Que saiba a sociedade que se existe atraso nas tecnoloxías é pola falta de compromiso político para dar cobertura", recalcou.

Respostas dos nacionalistas e socialistas
A este respecto, a deputada nacionalista Ana Luísa Bouza precisoulle que a Innovación e Industria constoulle o crédito como transferido a "31 de decembro de 2008", polo que "é imposíbel que estivese gastado" ese ano, tal e como asegurou o director xeral. En todo caso, anunciou que o BNG "pedirá toda a documentación respecto diso ante un feito que é de gravidade" se se confirmase o desvío de fondos.

Polo seu lado, o deputado socialista Pablo López Vidal convidou a que se investigue, mentres que o popular Antonio Rodríguez Miranda advertiu ao BNG de que "os seus socios non son de fiar". "Non se fíen, e iso que aínda seguen nalgún que outro concello con eles, pero non se fíen!", reiterou o deputado do PPdeG, quen insistiu en que os socialistas gastaron" ese diñeiro da área nacionalista.

Atrasos no despregamento da TDT
Doutro loado, o secretario xeral de Medios realizou unha exposición sobre a situación actual do despregamento da TDT, cuxa primeira fase debería estar concluída o 1 de xullo nas áreas de Compostela e Ourense leste. Sobre este extremo, avanzou que "non se poderá producir a fase un" no prazo previsto polo Estado e acrecentou que a Xunta "terá como referencia o 3 de abril de 2010", data para a que está programado o apagamento analóxico". "Faremos o esforzo máximo para poder cumprir este obxectivo", comprometeuse o director xeral.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: