O secretario de Organización do PSdeG-PSOE considera transfuguismo o acontecido e avanza que os catro concelleiros socialistas serán expulsados.
"Serán expulsados do partido de forma inmediata unha vez a moción sexa aprobada en pleno", advertiu este xoves o secretario de Organización do PsdeG-PSOE, Pablo García, ao respecto dos catro edís do partido en Gondomar que pecharon acordo co PP para a presentación dunha moción de censura que colocará un candidato popular na alcaldía.
García subliñou a "absoluta desvinculación" do PSOE desta moción de censura e reprobou a actitude dos que até o de agora eran os concelleiros do seu partido. Afirma ao respecto que o acontecido trátase dunha acción "unilateral e persoal dos edís" que non comparte nin e Executiva do PSdeG nin a executiva socialista local. Por este motivo, "tal e como marcan os Estatutos, serán expulsados do Partido Socialista de forma inmediata unha vez a moción sexa aprobada en pleno".
O responsábel de Organización do PsdeG considera que por tras do acontecido está a dirección do PPdeG. "Tanto este caso como os acontecidos nos últimos meses en distintos concellos de Galiza instigados por parte do PPdeG son inaceptábeis e alteran a normalidade democrática da vida política do país", láianse os socialistas nun comunicado, recordando que se racha o pacto antitransfuguismo asinado a nivel estatal.
O BNG ve intereses urbanísticos por tras da moción
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, opinou este xoves que a moción de censura baséase na intención de "trasfegar outra vez o urbanismo" e aseverou que "non hai xustificación ningunha" para presentala. Para o líder do Bloque o acontecido é "evidencia de que o PP quere conseguir a alcaldía para facer o que fixera até o de agora", fronte ao BNG "que desterrou a corrupción urbanística" do municipio.
Así, avisou de que "non hai nin desgoberno nin demanda social" que reclamen esta moción de censura, tras o que o dirixente nacionalista se preguntou "por que ten tanta présa o PP", se vai haber unhas eleccións en 2011. "Trátase de recuperar as prácticas corruptas", subliñou. Así mesmo reclamoulle ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, que desautorice a moción. "Non era el o que dicía que un condenado non aguantaría nin cinco minutos no seu partido", reprochoulle en referencia ao ex rexedor de Gondomar e aínda edil no Concello, condenado por prevaricación.