Educación arreponse así a un decreto do Ministerio, sinalando a súa idea de "superar o descontento xerado pola inacción" do goberno español.
Os alumnos e alumnas galegas de primeiro e segundo de Bacharelato que suspendan máis de dúas materias, terán que superar de novo o curso "enteiro", xa que serán cualificados de todas as materias. Así o recollerá a orde para regular a promoción de curso nesta etapa educativa, que asinará o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, "nos vindeiros días" e que, segundo avanzou a Xunta, fixará "un criterio pechado" para casos "excepcionais".
A través dun comunicado, Educación indicou que, con esta orde, cúmprese "ao pé da letra" a Lei Orgánica de Educación (LOE), "vulnerada" en 2007 por un decreto ministerial como se desprende da sentenza que ditou o Tribunal Supremo o pasado 2 de febreiro, segundo recalcou o departamento educativo da Xunta.
Neste contexto, Educación denunciou o "abandono de funcións" do Ministerio ao que, ao seu entender, "competía" regular a situación tras a "desautorización" do Supremo. Por isto, subliñou que a consellaría traballou na elaboración dunha nova norma de aplicación en Galiza, que sexa "acorde" coa "legalidade vixente" e que "supere" o "descontento" xerado pola "inacción" ministerial e o "baleiro legal dos últimos meses".