O PSdeG local asegura que non hai pacto pechado, malia que o presidente do PP pontevedrés di que a moción que lle quitaría a alcaldía ao BNG está moi próxima.
"En Gondomar hai 12 concelleiros na oposición e cinco no goberno", insistía este mércores o presidente do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, recordando a suma de forzas que podería apartar en breve o BNG do poder local. Para Louzán a confirmación da moción de censura en Gondomar será a plasmación da "crónica de algo anunciado" xa que na súa opinión no Concello existe "unha situación insostíbel".
Segundo as contas do PP, aos sete edís populares sumaríanse o apoio de, cando menos, dous dos catro que ten o PSOE e a maiores o do concelleiro independente, da formación Move Gondomar. Cun mínimo de nove votos, o PP botaría adiante así a moción de censura. Louzán insiste en que o acordo local que uniu no seu momento a nacionalistas e socialistas foi resultado dun pacto "antinatura" saído "dun despacho de Santiago". Asegura o líder do PP pontevedrés que os socialistas do municipio "nunca quixeron ese pacto". "Que non veñan agora con cortinas de fume, chibos expiatorios nin co pacto antitransfuguismo", arrebolou cara ás direccións de BNG e PSdeG, ironizando con que o bipartito en Gondomar durou "a media hora do pleno de investidura" de Antón Araúxo (BNG) como alcalde.
Inestábel treito de goberno
En 2007 o PP foi a forza máis votada en Gondomar mais só co 36,6% dos votos (7 concelleiros). Atrás dos populares, o BNG sumaba o 30% dos votos (5 concelleiros), por riba do 22,7% do PSOE local (4 edís). Cun 8,8%, a formación que acudía baixo as siglas Movemento Veciñal de Gondomar, rabuñaba un asento no Concello.
Logo do distanciamento de socialistas e nacionalistas e despois dun anterior intento de forzar a moción de censura, nesta nova aposta para recuperar a alcaldía o PP apostaría por apartar da primeira liña o ex alcalde Carlos Silva. Deste xeito, sería o seu número dous, Martín Vicente Urgal, quen pilotaría a viraxe política. Lembrámoslles que hai apenas uns meses que o xulgado estabelecera sentenza condenatoria para o ex-rexedor popular, considerando probada a responsabilidade de Carlos Silva no outorgamento de licenzas urbanísticas irregulares. Na actualidade, e enfrontando condena de ano e medio de cárcere e varios anos de inhabilitación por delito de prevaricación, está pendente de resolución o recurso presentado polo ex alcalde.
Apoio do edil independente, división no PSOE
Co representante da formación Movemento Veciñal por Gondomar, Manuel Núñez, como primeiro apoio claro á moción de censura, as opcións do PP dependen agora do PSOE.
Mais os socialistas non teñen aínda as cousas claras. Segundo os contactos dos populares, dous edís dese partido teríanlles expresado a súa vontade de apoiar un alcalde do PP, suma suficiente para o éxito da moción de censura independentemente da abstención ou voto contrario dos outros dous. Con todo, tratarían neste momento de conseguir a unanimidade no grupo local do PSOE.
Preguntados ao respecto, desde o grupo local do PSOE negan que exista un acordo pechado co PP. O líder dos socialistas en Gondomar, Afonso de Lis, afirma que "moito menos se foi ao notario para plasmar pacto ningún". "A día de hoxe non hai nada acordado para presentar unha moción de censura, e se Louzán di que é así, que sexa el quen dea as explicacións, porque eu non quero entrar neste circo", teima Lis. En calquera caso, o edil socialista non nega tal posibilidade. "Descartar algo en política é ser un iluso", concede.