A fundación que lidera o ex presidente do goberno español José María Aznar mesmo cuestiona a propia existencia da nosa lingua.
Bieito Lobeira e José María Aznar
O deputado do BNG Bieito Lobeira presentou unha proposición non de lei para que o Parlamento manifeste "a súa máis enérxica condena e rexeitamento ás proclamas xenófobas e antigalegas" por parte da fundación FAES, vinculada ao PP.
Lobeira instou a Xunta a que "utilice as medidas necesarias para que a fundación FAES cese de inmediato coas súas actitudes manifestamente hostís á diversidade nacional, lingüística e cultural" do Estado, informou este luns o BNG nun comunicado.
En concreto, pediu "respecto" para "o dereito do pobo galego á súa existencia política e ao exercicio pleno dos seus dereitos lingüísticos e culturais".
Lobeira denunciou que a FAES, liderada polo ex presidente do goberno español José María Aznar, "utiliza a arma do racismo e da xenofobia para atacar, insultar e humillar os galegos nas súas publicacións e informes".
Cuestionamento da existencia do galego
Como exemplo, o deputado do BNG reprochou que a FAES "cuestiona a existencia do idioma galego, o que considera unha suma de variantes lingüísticas galaicas que, por comodidade, chamabamos galego".
Segundo o BNG, a FAES "ataca directamente" o Estatuto de Autonomía, que estabelece que o galego é a lingua propia de Galiza. Para a FAES, dixo Lobeira, o concepto de lingua propia é "unha idea predemocrática que lexitima a prevalencia dunha das linguas con respecto á outra que, para máis inri, é a única lingua oficial do Estado".
O nacionalista engadiu que, ademais, esta fundación "critica as políticas de discriminación positiva a prol do galego, a lingua que está en situación de inferioridade, comparándoo co nulo efecto que estas políticas tamén tiveron sobre as mulleres e os negros".
A FAES, a fundación "máis subvencionada"
Tamén recordou que a fundación FAES "é a máis subvencionada polo Ministerio de Cultura do Goberno español", e que este ano recibirá 2,68 millóns de euros para fomentar as súas actividades, cantidade á que hai que engadir outros recursos dos ministerios de Asuntos Exteriores e de Educación.
Por iso, considerou "hipócrita e cínico" que a FAES defenda a supresión das axudas á lingua galega, cando esta fundación "recibe unha cantidade moi importante de recursos públicos" en concepto de subvención.