O sindicato nacionalista debate o Relatorio Base e elixe a súa nova executiva, despois de ter aprobado o sábado o Informe de Xestión.
O V Congreso da CIG entra este domingo na súa segunda e última xornada. A do sábado 20 arrancou pola mañá coa presentación do Informe de Xestión, que foi aprobado con 339 votos a favor, 71 en contra e 74 abstencións.
No documento fíxose unha análise polo actual contexto político, laboral e social de crise económica e percorreu a conflitividade laboral en Galiza e o papel da CIG nese período. Tamén destacou o incremento na representación sindical e na afiliación, que medrou nos últimos catro anos nun 40%.
O encargado de presentar o informe da Executiva Confederal saínte foi o secretario xeral, Suso Seixo, que se presenta como favorito a seguir encabezando a CIG, aínda que ten que competir con outras tres listas, que teñen como números un Manuel Currás, Francisco Cartelle e Anxo Pérez Carballo.
No seu discurso, Seixo afirmou "o acertado da nosa acción sindical nos últimos anos, o que leva a que cada día sexan máis os traballadores e traballadoras os que ven na CIG un sindicato no que confiar e apoiar á hora de defender os seus intereses como clase e, tamén á hora de defender os dereitos de Galiza como nación". Así mesmo, criticou as campañas contra o galego, "seguindo a máis rancia tradición do imperialismo español".
Na xornada do domingo debátese, pola mañá, o Relatorio Base e, xa pola tarde, presentaranse as candidaturas oficiais e votarase a nova Executiva.