Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta fin de semana

Comeza o V Congreso da CIG, con catro candidaturas para elixir

Suso Seixo aspira a revalidar o seu cargo, mentres as outras tres listas pretenden introducir "pluralidade" no sindicato.

Redacción / Europa Press - 11:20 20/06/2009

O actual secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Suso Seixo, confía en revalidar o seu cargo, co que accedería ao seu terceiro mandato á fronte da formación, cun apoio "moi superior" ao das tres candidaturas alternativas que se presentan ao V Congreso, que se desenvolve esta fin de semana en Compostela.

En declaracións a Europa Press, Seixo, que se presenta xunto a 37 compañeiros máis, indicou que afronta a cita con "normalidade e naturalidade", pois é "frecuente" que se presenten varias listas aos congresos. De feito, o número de candidaturas alcanzou as catro no conclave do que saíu a actual Executiva, en 2005.

Pola súa banda, os candidatos que encabezan as tres listas alternativas criticaron, cada un pola súa parte, a influencia de ideoloxías políticas na acción sindical e reclamaron maior "pluralidade". Uns 600 delegados participarán no congreso, do que sairán elixidos mañá os membros da Executiva Confederal, a Secretaría Xeral, a Comisión de Garantías e a Comisión Disciplinar.

Manuel Currás Meira, actual secretario de Emprego, asegurou que "non quedou máis remedio" que presentar a candidatura -con 33 nomes- , pois a visión de quen, ao seu xuízo, "tiña que lograr" unha lista única -Seixo- foi "curta de miras" e se centrou en garantirse unha "maioría matemática". Currás Meira reprochou que "o tema da pluralidade está só no plano teórico" e considerou que "o nacionalismo está en tempos de cambio e no sindicato hai que actualizar o pensamento".

Esta lista está integrada por sindicalistas relacionados coas formacións de Unidade Galega e Esquerda Nacionalista, vinculados a sectores favorábeis ao movemento liderado polo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich. Mentres, Seixo contará co apoio de sectores afíns á Unión do Povo Galego (UPG), da que el mesmo é militante, e da súa órbita, como son Fronte Popular Galega (FPG) e o Movemento ao Socialismo -corrente escindida de Movemento pola Base e que permanece integrada no BNG-.

Non ao "pactismo"
Concorre tamén o secretario de Organización de CIG-Ferrol, Francisco Cartelle, quen recibe o respaldo de Movemento pola Base, corrente que decidiu desvincularse do BNG no primeiro consello Nacional tras as eleccións do un de marzo.

Esta lista, anunciada o pasado dous de xuño, presenta 15 aspirantes e puxo de manifesto o seu rexeitamento ao pacto social "en calquera das súas formas" e avogou pola "independencia sindical, sen control de ningunha organización política, o pluralismo ideolóxico, a autoorganización e a loita contra o pactismo" como "sinais de identidade irrenunciábeis da CIG".

"Maioría torpe e excluínte"
Por último, Anxo Pérez Carballo, que lidera unha opción integrada tamén por 15 persoas, indicou que aspira a obter de novo un dos 12 postos na Executiva da CIG e apostou por "manter aberta a pluralidade para que [a formación sindical] non sexa un espectro monocolor" na que "non haxa disensión ou elementos críticos".

"Existe unha maioría" na dirección que non se pode discutir", criticou, e acusouna de ser "torpe e moi excluínte e non saber integrar a quen non está nesa maioría". Ademais, criticou que a presenza do BNG no Goberno na pasada lexislatura tivo "unha incidencia notábel na CIG" e censurou que "se hipoteque" a formación sindical.

Pérez, que foi secretario da área de construción nos anos 90 e é técnico de prevención en Ourense, preséntase como número un da lista tras retirarse Bautista Vega (Colectivo 10 de Marzo), que era o representante deste colectivo na Executiva actual e que se mantén no posto oitavo da candidatura.

En calquera caso, as tres listas alternativas non teñen a posibilidade de unificarse nunha soa, pois o prazo de presentación péchase a 48 horas do sindicato e as candidaturas non poden ser modificadas posteriormente.

Independencia do BNG
Seixo, pola súa banda, negou que exista unha "dependencia" do BNG e argumentou que CIG presentou iniciativas na pasada lexislatura "en contra" de propostas da formación frentista. Así, instou aos críticos a "clarificar" no congreso "cando houbo dependencia" e atribuíu estas declaracións a "tics que se repiten cada catro anos", en coincidencia cos conclaves, para "xustificar" a necesidade de presentar listas propias.

"Non entendo en que se basean", dixo e asegurou que todas as correntes contan con representación nos órganos de dirección e, unha vez pasados os congresos, "non hai conflitos".


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: