Esquerda Unida presenta un escrito dirixido á Xunta para que impida a modificación de última hora, que aprobaron PP e PSOE.
O grupo municipal de Esquerda Unida en Lugo rexistrou esta semana un escrito dirixido á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, onde solicitan que sexa corrixida no Plan Xeral municipal (PXOM) a recualificación de 500 mil metros cadrados, a maior parte poboados por carballeiras, nas inmediacións do campo de golf.
O PXOM lucense foi aprobado en pleno polo Concello de Lugo o pasado 23 de xaneiro, cos votos a favor de PSOE e de PP e a oposición do BNG. Os nacionalistas defendían que se abrise un segundo prazo de alegacións logo de que o primeiro proxecto enviado á Xunta fose mandado corrixir.
Foi durante este período de corrección que se introduciu a mudanza na categoría destes terreos, na parroquia de Fixós, que pasaron de ser solo rústico a solo urbanizábel, tal e como descubriu e agora denuncia Esquerda Unida. Sosteñen, ademais, que este troco xustifica unha nova exposición ao público coa nova categoría antes de ser aprobada polo Concello, primeiro, e pola Xunta, despois.
Beneficiarios
Se Medio Ambiente acepta pasar o PXOM tal e como foi aprobado por socialistas e populares, dous grupos sairían fondamente beneficiados: por unha banda, os propietarios das fincas, que aumentarían de xeito exponencial o valor das súas propiedades -dende EU apúntase que xa está proxectada unha urbanización de chalés e un hotel de luxo; e polo outro, os membros do Club de Golf con participación económica, que verían incrementar o valor venal do seu capital na sociedade.