O presidente do Goberno dixo que a súa nova estrutura orgánica deixará 36 millóns nas arcas públicas en toda a lexislatura.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cifrou en 9 millóns de euros o aforro "anual" que supón a nova estrutura orgánica do Goberno para as arcas públicas galegas, con respecto ao gasto do bipartito. Isto tradúcese nun aforro de 36 millóns en toda a lexislatura, recalcou.
"Fixemos un esforzo de austeridade difícil", recoñeceu Feijoo na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, que aprobou o organigrama definitivo da Presidencia da Xunta, que suma ás súas competencias a xestión de asuntos vinculados coa Igualdade, o Fomento de Novas Tecnoloxías e o Deporte.
Feijoo celebrou o peche da estrutura orgánica do novo Goberno cuns "recortes" nas administracións central e periférica que a Xunta cifrou nun total de 9 millóns. En detalle, a rebaixa de 52 a 5 delegados territoriais suporá un aforro de 3,7 millóns, segundo o presidente galego, mentres que os distintos departamentos gastarán 5,3 millóns anuais -fronte aos 7,2 do bipartito- nos gabinetes.
Nesta liña, Feijoo lembrou que reduciu nun 40% o número de persoal de asesoramento e gabinetes, así como os altos cargos., nun Goberno que pasou de 13 a 10 consellerías.