Mentres, aprazan o debate sobre as garantías precisas para que Irlanda aprobe o Tratado de Lisboa, e sobre as medidas a tomar para parar os efectos da crise.
Os mandatarios dos 27 Estados e gobernos membros da UE, reunidos en Bruxelas esta quinta feira, no Consello Europeo, apoiaron o actual presidente da Comisión, o portugués José Manuel Durão Barroso, para que volva dirixir a institución outros cinco anos. Quen debe negociar a renovación de Barroso será a actual presidencia checa e a futura sueca da UE. Porén, o seu nomeamento aínda debe ser ratificado polo Parlamento Europeo, ben dividido neste punto.
Manter a Barroso na presidencia da Comisión é, nestes días, un dos principais problemas dos dirixentes europeos, porque, nun comezo, o presidente desta institución debe ser nomeado en novembro, co visto e prace de todos os comisarios. Se Irlanda ratificaba o Tratado de Lisboa antes, o nomeamento faríase baixo o seu peso, e non baixo o de Niza, agora en vigor. Por iso algúns mandatarios, coma Angela Merkel ou Nicolas Sarkozy (ámbolos dous do Partido Popular Europeo, o de Barroso) prefiren apoialo politicamente, e non aínda legalmente, até que se aprobe unanimemente o Tratado.
Pero que os dirixentes políticos dos Vintesete lle desen o visto e prace a Durão Barroso non quere dicir que o Parlamento acompañe esta decisión, aínda que o seu partido sexa maioritario no hemiciclo. De momento os socialistas europeos opóñense ao nomeamento, e Os Verdes, que tamén están en contra, comezaron unha campaña baixo o lema Stop Barroso, para formar unha maioría o suficientemente forte como para parar un posíbel vindeiro mandato do portugués.
A crise e o Tratado de Lisboa, abandonados
Neste Consello Europeo, os 27 deixaron de lado dúas cuestións de importancia suma para a UE: a loita contra os efectos da crise económica e a activación de mecanismos de supervisión do sistema financeiro, aos que se opón o Reino Unido.
O outro punto chave eran as garantías que se lle habían dar a Irlanda para que finalmente aprobase o Tratado de Lisboa este outono, demandadas polo propio goberno irlandés, e que incluían a promesa de que o texto non afectase nin o seu sistema fiscal, nin a súa neutralidade militar, nin a súa lexislación abortiva. Irlanda é o único Estado da UE que non aprobou o Tratado -os seus habitante dixeron un rotundo "non" no verán pasado-, este non pode entrar en vigor se non o ratifican os vintesete, por unanimidade.