Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ao estar “indebidamente constituída”

O PSdeG presentará un novo recurso contra a Xunta, por non respectar a paridade

Esta é a terceira denuncia posta polos socialistas dende o cambio de goberno, e súmase ás accións anunciadas polo BNG ante o Tribunal Constitucional.

Redacción - 09:00 18/06/2009
Unha imaxe da fachada do TSXG

Unha imaxe da fachada do TSXG

O PSdeG presenta esta quinta feira ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) un recurso contencioso administrativo contra o Goberno de Alberto Núñez Feijoo, por estar "indebidamente constituído" no que respecta á proporción de homes e mulleres.

Así o avanzou a voceira de Xustiza do Grupo Parlamentario Socialista, Beatriz Sestayo, quen indicou que a Lei de Igualdade modifica a Lei da Xunta e o seu presidente, e estabelece a necesidade de que os gobernos "sexan paritarios". "Na Xunta isto non se cumpre", incidiu, xa que ningún dos sexos pode estar representado por baixo do 40% e, no caso do Executivo galego, as mulleres non exceden o 36%. Por iso, os socialistas reclaman que se rectifique" esta situación, sinalou.

Ademais, Sestayo atribuíu a presentación deste recurso "non só a unha cuestión de ideoloxía, senón tamén de cumprimento da lei", posto que "calquera persoa cun interese lexítimo podería pedir a nulidade dos actos dun goberno indebidamente constituído", no caso de que os tribunais dean a razón aos socialistas.

Pola súa banda, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, explicou que o recurso está motivado por "un incumprimento legal", e chegouse a el unha vez se "esgotaron" os trámites parlamentarios, e "tras dar ao Goberno un tempo para reconsiderar a cuestión".

Varias denuncias presentadas por socialistas e nacionalistas
Trátase da terceira denuncia que os socialistas presentan contra os populares dende o cambio de Goberno, dado que xa o fixeron contra o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, por "cambiar o voto dunha parella", aínda que esta causa foi desestimada; e contra o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, por certificar unha obra que non estaba finalizada, causa que aínda está aberta.

Pola súa banda, o BNG pretende acudir ao Tribunal Constitucional (TC) para reclamar un incremento dos seus tempos e a súa cota de iniciativas na Cámara, unha demanda que se suma a outra presentada a título persoal polo ex voceira nacional da formación frontista, Anxo Quintana, e a súa ex parella, contra Xosé Luís Baltar por "inxurias nun mitin".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: