Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para esta quinta e sexta feira, en Compostela

Traballo convoca a sindicatos e patronal do Metal para catro reunións por separado

A titular da consellaría, Beatriz Mato, mediará nas negociacións, prestando o seu despacho de San Caetano como sede. Primeiro pasarán os tres sindicatos, separadamente, e despois os empresarios, xuntos.

Redacción - 09:00 18/06/2009
Imaxe da asemblea dos traballadores do metal, esta cuarta feira en Vigo / Imaxe: CIG

Imaxe da asemblea dos traballadores do metal, esta cuarta feira en Vigo / Imaxe: CIG

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, convocou para esta quinta feira e para sexta un total de catro reunións con sindicatos e patronal do sector metalúrxico, co obxectivo de que as partes senten na mesa "con vontade firme" de pechar un acordo.

Traballo sinalou que Mato se ha reunir no seu despacho de San Caetano, en Compostela, en primeiro lugar co secretario xeral de Metal, Construcións e Afíns de UXT, José Manuel García González, ás 17h00. Ás 18h00 recibirá o secretario xeral de CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido; e ás 19h00 será a quenda do secretario xeral da Federación de Industria de CCOO, Nicolás Pato Pérez.

As cinco patronais, Asime, Atra, Foncalor, Instalectra e Feca reuniranse coa conselleira o venres ás 10h00, tamén en Compostela.

Deste xeito, Traballo manifestou a súa intención de facer "un novo esforzo" por chegar a un acordo e pediu aos implicados que busquen un "espazo de diálogo", pois esa debe ser a "tónica xeral" nunha negociación para resolver un conflito que "necesita urxentemente solución". Mato insistiu en que Galiza non se pode permitir" manter abertos este tipo de conflitos, polo que chamou a unha maior vontade na mesa de diálogo para "evitar máis perdas en sectores estratéxicos".

Nova xornada de paro en Vigo
Os traballadores do metal desenvolven esta quinta feira unha nova xornada de folga, na que sairán en manifestación polo centro de Vigo. Os paros nas empresas comezarán ás 11h00 e prolongaranse até as 15h00. Nesta xornada non está previsto que haxa piquetes nos concesionarios de venda de automóbiles.

Mentres, a policía española segue a tentar aclarar quen colocou varios artefactos explosivos ou incendiarios nun caixeiro, nun concesionario de automóbiles e na morada dun empresario do sector, na madrugada da cuarta feira. O delegado do goberno español en Galiza, Antón Louro, xa descartou que se tratase dunha acción dos folguistas, porén, a patronal do Metal ve claro que as explosións foron obra dos operarios. Polo seu lado, os sindicatos desmarcáronse destes feitos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: