A recuperación irase producindo "progresivamente e de xeito máis intenso" en 2010, asegura o presidente do Goberno español.
O presidente do Goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, defendeu esta cuarta feira no Congreso que dende 2004 o seu Executivo baixou os impostos "en 20 mil millóns e dous puntos do PIB", deixando a presión fiscal no 32,8% do Produto Interior Bruto, a máis baixa dende 1995.
Así mesmo afirmou que "o máis duro da crise xa pasou", a recuperación irase producindo "progresivamente e de xeito máis intenso" en 2010, para volver a taxas positivas de crecemento en 2011. "O demais é pura demagoxia", aseverou na sesión de control no Pleno semanal.
Zapatero recibira as críticas do líder do PP, o principal partido da oposición no parlamento español. Mariano Rajoy reprochoulle a "labazada" ás clases medias que supón a subida de impostos sobre carburantes e tabaco.