Na súa intervención diante da Comisión de Sanidade a conselleira Pilar Farjas tamén apostou por promover "actitudes positivas cara a maternidade".
Pilar Farjas este martes na Comisión de Sanidade
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, compareceu este martes diante da Comisión de Sanidade do Parlamento para anunciar un paquete de medidas entre as que están o aumento dende 16 até 18 anos da idade mínima para o consumo legal de alcol, procurando rematar co seu "consumo inaxeitado". A conselleira expresou a súa preocupación pola "proliferación de trastornos da conduta e adiccións".
Durante a súa intervención no Parlamento, a primeira dende a súa designación, tamén anunciou que promoverá "actitudes positivas cara á maternidade", coa intención de reducir "o número de embarazos non desexados. Falou neste eido da necesidade de implantar unha "sexualidade responsábel" que axude a evitar a transmisión de enfermidades sexuais.
Tamén recoñeceu os problemas para o financiamento dos hospitais de Lugo, Pontevedra e Vigo pero aínda así afirmou que as obras se completarían. Entre os outros obxectivos que se plantexa cómpre destacar a redución das listas de espera, a mellora da dotación tecnolóxica dos centros sanitarios, a aposta polos medicamentos xenéricos coa intención de reducir gastos, ou a maior velocidade na diagnose das enfermidades graves.