Mentres os conservadores ameazan con acudir aos tribunais, a formación nacionalista acúsaos de “intentar desviar a atención sobre as súas corruptelas”.
A temperatura política do país non deixa de subir. O voceiro parlamentario dos conservadores, Antonio Rodriguez Miranda, anunciou que o PPdeG quere investigar os pagos do bipartito á empresa Carrumeiro Media S.A. Segundo, Rodríguez Miranda hai indicios de que as adxudicacións a esta compañía poden agochar un caso de “financiamento ilegal” do BNG.
Nun comunicado de prensa, o PPdeG subliña que as consellarías nacionalistas lle adxudicaron a esta empresa máis dun millón de euros durante a pasada lexislatura e non descartan levar o caso aos tribunais. Dende as filas conservadoras afirman que Carrumeiro Media foi fundada en 2001 por dirixentes nacionalistas que, entre 2004 e 2006 chegaron a simultanear o seu posto na empresa con cargos de responsabilidade na Xunta.
O BNG fixo pública unha nota acusando ao PPdeG de “intentar desviar a atención sobre as súas corruptelas”. Os nacionalistas vinculan as acusacións ás polémicas polos supostos intereses empresariais do conselleiro de Economía en Portugal e da implicación do superdelegado de Ourense nun presunto uso irregular de fondos. Os nacionalistas insisten na legalidade dos contratos denunciados e reta ao PPdeG a acudir aos xulgados se entende que hai irregularidades.