A ministra sueca de Sanidade, Maria Larsson, filtrou a decisión antes de que a organización mundial faga público o seu comunicado.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) aumenta o nivel de alerta da gripe A (co virus H1N1) ao nivel seis, segundo anunciou o goberno sueco nun comunicado. O comité de urxencia da OMS reuniuse este xoves en Xenebra para analizar a expansión da doenza e anunciar a súa decisión ás 18 horas.
A ministra sueca da Saúde, Maria Larsson, anticipouse á declaración oficial da OMS e comunicou oficialmente que "a OMS decidiu aumentar o nivel de pandemia da gripe A ao nivel 6, o máximo, que significa que a doenza xa está estendida por todo o mundo.
Para que exista unha pandemia, a OMS exixe que se trate dun virus novo, para o que a poboación non estea inmunizada; que sexa capaz de producir casos graves dunha doenza, e que se poida transmitir con facilidade de persoa a persoa. Á súa vez, o nivel seis prodúcese cando a propagación entre persoas se dá entre, polo menos, dous países dunha rexión da OMS e nun terceiro doutra.