Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións Europeas

Comeza o reconto do voto emigrante e a revisión dos resultados do 7X

Malia a previsión de que o PSOE sexa a forza máis votada no exterior, non hai previsión de que se poidan mover escanos.

Redacción / Europa Press - 11:25 10/06/2009

As Xuntas Electorais Provinciais proceden este mércores ao escrutinio xeral dos votos das eleccións europeas do pasado domingo incluíndo o Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), aínda que as formacións políticas en Galiza non prevén que se produza ningún cambio en relación cos resultados xa coñecidos. Neste escenario, os populares afrontan o reconto con expectativas de "manter" a porcentaxe de votos aínda que fontes de do PPdeG indicaron a Europa Press que "podería crecer algo". Tamén o PSOE asegurou que prevé un resultado "similar" no exterior con respecto ás últimas convocatorias electorais, que situaron os socialistas como "primeira forza" na diáspora. Mentres, o BNG está convencido de que "non haberá cambios" significativos e de que o seu escano no Parlamento Europeo "non corre risco".

Os populares están convencidos de que "non haberá grandes cambios" xa que a participación "será moi baixa". Ademais, a formación conservadora considera que o voto emigrante non poderá ser "unha boa noticia" mentres que non se reforme a Ley Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Lorex) para que os emigrantes poidan exercer o seu dereito democrático "nunha urna de cristal", como o resto dos cidadáns residentes no Estado. Así as cousas, o PPdeG emprazou o PSOE "a que deixe de dicir unha cousa e a contraria" en Galiza e Madrid e impulse a modificación da normativa dende o goberno español. En todo caso, os populares manifestaron a súa intención de "seguir traballando" para que os residentes no exterior poidan emitir o seu voto nas municipais de 2011 "con todas as garantías".

"Primeira forza
Do mesmo modo, fontes do PSdeG consultadas por Europa Press interpretaron que "non haberá cambios" nin nos resultados nin na tendencia, ao tempo que auguraron que esta será "similar" ao das últimas convocatorias electorais, que situaron os socialistas como "primeira forza" entre a diáspora. En canto á participación, prognosticaron que será tamén "similar" á dos pasados comicios europeos de 2004, cando se achegaron ás urnas aproximadamente un 15% dos chamados a exercer o seu dereito democrático. Ademais, atribuíron esta cuestión a que os partidos "tampouco realizaron campaña de mobilización" no exterior.

Representación "directa"
Pola súa banda, fontes nacionalistas apuntaron a Europa Press que "non hai ningunha posibilidade de cambio" dos resultados conseguidos o domingo electoral, polo que "a representación directa do BNG non corre risco". Non obstante e ao igual que o PP, si mostraron o seu malestar por que o voto emigrante aínda "careza de transparencia e dunhas mínimas garantías democráticas", polo que tacharon de "escándalo antidemocrático" a situación que vive o sufraxio dos residentes ausentes.

Neste sentido, as mesmas fontes aseguraron que o BNG "seguirá traballando" para conseguir a reforma deste sistema de votación coa convicción de que se "afectase a outro lugar do Estado, xa estaría resolto hai tempo".

Chamados a votar
Nestas eleccións estaban chamados ás urnas 1.254.724 cidadáns residentes no estranxeiro, afincados principalmente en Arxentina (275.472 persoas), Venezuela (128.728) e Francia (160.043 persoas). Os seus votos non foron ás urnas da xornada electoral, como si aconteceu cos emitidos por correspondencia de electores residentes no Estado Español, senón que se derivan directamente á Xunta Electoral Provincial correspondente, onde deberon chegar o pasado sábado como data tope. O escrutinio, para o que se dispón até o 13 de xuño, supón revisar os votos emitidos nas urnas e incorporar os sufraxios dos emigrantes para dar xa as cifras definitivas. A partir de aí haberá dous días para presentar reclamacións e outros dous para resolver.

Os cambios chegarán coa ampliación a 54 escanos
Tal e como lles avanzou Vieiros o pasado luns, os posíbeis cambios na atribución de escanos no Europarlamento si se producirían unha vez que se complete o proceso de ratificación do Tratado de Lisboa. Nese escenario, o Estado Español repartiría 54 asentos, no canto dos 50 asignados o pasado domingo.

Así, e coas cifras do 7X, o PP subiría de 23 a 25 escanos, mentres que o PSOE pasaría de 21 a 22. O cuarto escano en disputa iría en principio para a Coalición por Europa, dos nacionalistas cataláns, vascos e canarios. Pero xustamente aquí podería influír o número de votos chegados do exterior, xa que unha significativa porcentaxe en favor dos socialistas quitarían o escano adicional a esta coalición e levaría o asento ao PSOE.

Datos definitivos e corrección de posíbeis erros
Concluído este proceso, a Xunta Electoral Central deberá ter o 22 de xuño os datos definitivos do reconto para proclamar os deputados electos o día 27. Os parlamentarios electos terán ata o 2 de xullo para xurar ou prometer o seu cargo ante o máximo organismo arbitral.

En Galiza e antes deste reconto xa se detectaron algúns pequenos erros de contabilización. É o caso por exemplo dunha das mesas no Concello de Ordes, onde se asignaron 0 votos para o PSOE nunha urna onde os socialistas contaban con 93 votos.

A nivel estatal, as principais queixas xorden desde o ámbito da Iniciativa Internacionalista. Representantes desta candidatura falan de presuntas irregularidades detectadas en varios lugares.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: