Os candidatos do PPdeG non votan en Galiza. Os do PSdeG farano na provincia da Coruña, e a candidata nacionalista na de Pontevedra.
Só os candidatos do PPdeG, Francisco Millán Mon e Carmen Fraga, votan fóra de Galiza. Os socialistas Antolín Sánchez Presedo e Rosa Miguélez exercerán o seu dereito ao voto en Betanzos e Ares, respectivamente; e a candidata do BNG, Ana Miranda, estará en Vigo, acompañando os seus pais, xa que ela emitiu o seu voto por correo.
Porén, todos os partidos programaron o seu centro de operacións en Compostela, para vivir o reconto electoral, que se coñecerá por volta das 22h00, cando terminen de votar todos os países da UE. PPdeG e PSdeG empregarán as súas sedes para facer o seguimento da xornada, mentres os nacionalistas escolleron o céntrico Hotel Compostela para se reuniren arredor da televisión.
Unha longa noite electoral
Tras o peche os colexios, ás 20h00, comezarán a coñecerse os primeiros resultados das enquisas a pé de urna, e irán chegando os candidatos e os integrantes dos distintos partidos ás súas bases de operacións para coñecer os apoios recibidos.
Na sede do PPdeG estarán o presidente do partido, e da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acompañado de varios dirixentes do partido. Na sede do PSdeG estarán os candidatos socialistas e o seu secretario xeral, Manuel Vázquez.
No Hotel Compostela daranse cita Ana Miranda, Guillerme Vázquez e "decenas de dirixentes e simpatizantes" da formación frontista.