O 18 de maio de 1944, hai 65 anos, Josef Stalin ordenaba a súa deportación masiva por “colaborar” cos nazis.
Mustafa Cemilev, líder tártaro
O pasado 18 de maio, unhas 15 mil persoas manifestáronse nas rúas da capital de Crimea, Aqmescit (Simferopol), informa Rferl, con motivo do 65º aniversario da deportación de todos os tártaros da península (uns 200 mil) a Usbequistán e Casaquistán.
O líder soviético Josef Stalin ordenou o desterro destes, de confesión musulmá, argumentando que eran colaboradores dos nazismo. Calcúlase que neste desprazamento forzoso morreron a metade dos expulsados.
A marcha de maio tamén serviu para pedir máis unha vez ao Goberno de Ucraína, que protexa os seus dereitos políticos, cunha autonomía de carácter nacional e territorial máis alá do status actual da República Autónoma; e lingüísticos, recoñecendo a oficialidade do tártaro e permitindo que se lles poida aprender aos cativos nas escolas.
Aproveitando a circunstancia, dentro do conflito que Kiev mantén con Moscova, o Goberno ucraíno anunciou que abrirá unha investigación para esclarecer os crimes cometidos por parte das autoridades soviéticas contra os tártaros de Crimea.
Por outra banda, o presidente do Parlamento tártaro e líder nacional desta comunidade, Mustafa Cemilev, será presentado como candidato ao Premio Nobel da Paz 2009, informa Day Kiev. Así se acordou no primeiro Congreso Mundial dos Tártaros de Crimea organizado hai uns días, no que se deron cita delegados de 162 organizacións de 12 países.