Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CARLOS MÉIXOME, INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS

"Sería imposíbel manter esta actividade sen a militancia cultural de moitas persoas"

O 20 de xuño recibirán o Premio Roberto Vidal Bolaño das Redes Escarlata, que recoñece un intenso traballo dunha década a prol da cultura galega.

Redacción - 09:00 07/06/2009

O premio Vidal Bolaño entregarase o vindeiro 20 de xuño no Auditorio Lois Tobío de Gondomar a partir das doce e media do mediodía. Recoñece, nas palabras do xurado, "o traballo intenso, fructífero" que o Instituto de Estudos Miñoranos desenvolveu dende a súa creación en outubro de 1999 "en favor da cultura galega a partir das súas investigacións interdisciplinares". Carlos Méixome, director do instituto, di que reciben o premio "con alegría e ilusión", en primeiro lugar "por vir de quen vén, da xente da cultura, xente que sabe apreciar o traballo que facemos"; e en segundo lugar polo propio nome do premio, a importancia que Roberto Vidal Bolaño tivo no teatro e na cultura galega das últimas décadas.

Méixome tamén salienta que o galardón valore un "traballo prolongado", case dez anos "de actividade mesmo febril, con moitos actos, ás veces varios á semana, e realizados de maneira moi constante". O director do Instituto di que "tendo en conta os medios e os recursos cos que contamos, sería imposíbel manter esta actividade sen o traballo e a militancia cultural de moitas persoas. O factor humano é fundamental".

O Val Miñor está formado polos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar. Dende hai un ano contan cun local cedido polo Concello de Gondomar, onde realizan cada semana faladoiros polos que pasan ducias persoas. Outra das actividades do colectivo céntrase na organizacións dos certames de Victoriano Taibo de poesía, dende o pasado, e moi especialmente, o do Nano Cambeiro de xornalismo, sen dotación económica e consistente nunha peza de bronce obra do escultor e membro do Instituto de Estudos Miñoranos, Fernando Casás; o Nano Cambeiro recoñeceu nos últimos anos a Xosé Luís Méndez Ferrín ou Francisco Fernández del Riego. Tamén destacan as 'Xeiras', visitas guiadas a distintos lugares de interese histórico, artístico, natural e paisaxístico do Val Miñor, ás que acode moitísima xente, "parece mesmo unha manifestación, polo éxito que teñen".

Pero nos últimos tempos falouse moito do Instituto de Estudos Miñoranos pola súa actividade a prol da recuperación da Memoria Histórica, e no éxito acadado na apertura de tres foxas, unha delas a da Volta dos Nove, con veciños da comarca asasinados polos fascistas en 1936. En outubro o IEM cumprirá dez anos e celebrarao cunha serie de actos que comezarán despois do verán.


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carlos Méixome, á esquerda
Carlos Méixome, á esquerda
Homenaxe aos asasinados na 'Volta dos Nove'
Homenaxe aos asasinados na 'Volta dos Nove'
Unha das 'Xeiras' organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos
Unha das 'Xeiras' organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos
Unha imaxe da 'Volta dos Nove', coas nove cruces vermellas marcadas na pedra
Unha imaxe da 'Volta dos Nove', coas nove cruces vermellas marcadas na pedra