Xosé Luís Méndez Ferrín foi o secretario dun xurado que salientou "o traballo intenso que o colectivo desenvolveu en favor da cultura galega".
A sexta edición do Premio Vidal Bolaño, que cada ano entregan as Redes Escarlata, foi parar nesta ocasión para o Instituto de Estudos Miñoranos. O galardón busca o recoñecemento de persoas e institucións que se distinguen na loita pola emancipación de Galicia e das súas clases populares. O xurado, formado por Xurxo Martínez, Carme Hermida, Elvira Ribeiro, Xosé A. Laxe Martiñán e Méndez Ferrín, recoñeceu "o traballo intenso, fructífero que este colectivo desenvolveu nestes últimos tempos en favor da cultura galega a partir das súas investigacións interdisciplinares na vella Terra de Turonio".
O Instituto de Estudo Miñoranos constituíse en outubro de 1999. Entre os seus obxectivos está divulgar a cultura e, en xeral, todo o referente ao patrimonio natural, histórico, artístico, arquitectónico, etnográfico, lingüístico, etc. dos tres concellos do Val Miñor e fomentar a conservación e respecto polo patrimonio miñorano como un ben económico e cultural actual. Entre as actividades xa realizadas polo IEM cómpre salientar tertulias, a entrega do Premio de Xornalismo Nano Cambeiro e o de Poesía Victoriano Taibo, publicacións a reivindicación da Memoria Histórica, como por exemplo a organización da homenaxe aos nove veciños do Val Miñor asasinados en outubro de 1936 na coñecida como Volta dos Nove.