Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Presuntas irregularidades

Achegan lista con 74 candidatos do PP en 2007 contratados pola Deputación de Ourense

O PSOE ourensán considera responsábel a Xosé Luís Baltar e esixe unha comisión de investigación.

Redacción - 09:00 04/06/2009

Acusa o grupo provincial do PSdeG na Deputación de Ourense ao PP provincial de "irregularidades" e "uso ilegal" dos procesos de contratación de persoa na institución provincial. Para os socialistas, o responsábel do acontecido sería unha vez máis o presidente da institución, Xosé Luís Baltar. De xeito concreto, achegan lista da contratación de 74 persoas que formaron parte das listas do PP nas eleccións municipais de 2007. Por tal motivo, o secretario provincial do PSdeG e deputado, Eladio Fernández, compareceu este mércores na sede do partido para denunciar o acontecido.

Entenden os socialistas que estas contratacións deberan analizarse unha por unha para determinar e confirmar en todos os casos a posíbel irregularidade e realizar a correspondente denuncia. "A Deputación non pode ser un lugar onde se paguen favores políticos", laiouse Fernández, criticando o déficit de ecuanimidade no ente provincial. No próximo pleno da Deputación de Ourense, o seu grupo presentará unha moción esixindo que se constitúa unha comisión de investigación.

O voceiro dos socialistas insistiu na crítica que a súa formación ten realizado noutras ocasións ao respecto do "exceso de persoal" da Deputación, "con mil traballadores na actualidade", denunciando que hai arredor de 600 funcionarios e 400 contratacións adicionais. "Con esta cifra o presidente da Deputación fai uso partidista dos contratos temporais", asegurou, queixándose do elevado número de "familiares de membros destacados do PP" que formarían parte dos propios tribunais de contratación. De feito, os socialistas achegaron nomes concretos sobre a representación nestes tribunais, citando entre outros a Xosé Luís Suárez, fillo do alcalde de Monterrei; Manuel Ángel Rodríguez, concelleiro en Esgos, José Eugenio Galindo ex alcalde de Nogueira de Ramuín ou Carlos Castiñeiras, ex presidente de Novas Xeracións do PP.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: