Mentres alerta da perda dun milleiro de empregos no naval nun ano. Os sindicatos sinalan que se os empresarios "volven cara atrás", eles han facer o mesmo.
A patronal do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra volveu esta segunda feira á súa oferta inicial na negociación do convenio colectivo, e ofreceu unha vixencia de tres anos para este, fronte ao ano que piden os sindicatos, e aos dous anos dos que falara en todas as xuntanzas anteriores.
Ámbalas dúas partes reuníronse en Vigo, coa mediación da Xunta, para tratar de retomar as negociacións tras varios encontros falidos e cinco días de folga non consecutivos. Estiveron de xuntanza menos dunha hora, e, a seguir, as partes por separado mantiveron senllos encontros cos representantes da Administración galega e a estatal: o director territorial de Inspección de Traballo e Seguridade Social, Carlos Domenech; o xefe provincial da Inspección de Traballo, José María Casas de Ron; e o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández.
Os empresarios avisan da perda de emprego no naval
Ao terminaren estes encontros, o voceiro dos empresarios, Javier Martínez, recoñeceu que, aínda que a negociación "non fixo máis que comezar", debúllanse "actitudes e matices" que fan pensar "nun lixeiro raio de luz ao final do túnel". "Hai pequenos movementos que podían facer pensar en que pode haber unha solución", acrecentou, ao tempo que sinalaba que a mudanza no seu pedimento -ofrecer tres anos de vixencia do convenio, no canto dos dous que pedían inicialmente-, non é "un paso atrás", senón que responde "ao feito de que a crise non tocou fondo, e seguen a fechar empresas".
Neste sentido, Martínez recalcou que na industria naval, de hoxe nun ano, poderían perderse entre 800 e mil empregos, o que sería, segundo dixo, "un anticipo de máis empregos que se han perder despois".
Os sindicatos non descartan novas mobilizacións "se eles dan un paso atrás, nós tamén"
Polo seu lado, o voceiro da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, recoñeceu que "hai posibilidades" dun achegamento e de que se movan as posturas das partes, aínda que sinalou que oferta dun convenio de tres anos de vixencia "é volver atrás, ao comezo da negociación". "Se eles volven atrás, nós tamén", advertiu.
O representante de de CCOO nesta negociación, Ramón Sarmiento, tamén sinalou a posibilidade de que negociación "tome outro cariz", ante a presenza de "mediadores de nivel", e polo feito de que esta terza feira continúen os encontros -cunha xuntanza convocada para as 16h30-. Así mesmo, atribuíu a oferta de tres anos de convenio a un intento da patronal de "reafirmarse", mais insistiu en que os empresarios teñen "máis man tendida e unha posición máis conciliadora".
O responsábel de MCA-UXT en Vigo, Diego Atanes, dixo, polo seu lado, que os sindicatos ven "con bos ollos" a presenza de "mediadores axeitados", e explicou que, con respecto ás mobilizacións, "vamos ter que agardar á xuntanza de mañá, após a que se determinará se hai avances ou non".