Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Eleccións europeas

Jáuregui defende unha "saída progresista" á crise

O número dous na lista do PSOE ao Parlamento Europeo, foi protagonista do acto do PSdeG en Vigo.

Redacción / Europa Press - 09:00 03/06/2009

O candidato número dous do PSOE ao Parlamento Europeo, Ramón Jáuregui, asegurou este martes en Vigo que a resolución da Junta Electoral Central (JEC) que explica que o uso de avións militares por parte do presidente do goberno español, denunciado polo PP, é unha cuestión que "excede" do seu ámbito de competencia, supón dicir "non" a un "intento rastreiro" do PP de "meter en campaña algo que non o era".

En declaracións aos medios no transcurso dun acto de campaña electoral en Vigo, Jáuregui considerou que o ditame emitido polo citado organismo "pon fin a un asunto onde non había materia", posto que "nunca debeu ser obxecto de debate". "Se alguén ten unha opinión sobre a necesidade de reducir custos en servizos de Estado, dende os parlamentarios até os alcaldes, pódese formular doutro xeito" recriminou aos populares, ao tempo que censurou que actuasen, segundo el, "cun afán rastreiro e de esparexer lixo". Así, incidiu en que a xunta electoral, na resolución emitida, "dixo que non a ese intento rastreiro de meter en campaña electoral algo que non o era".

O socialista participou nun acto de campaña no barrio vigués d'O Calvario, onde se dirixiu aos galegos, aos que explicou que nas eleccións europeas do próximo domingo "se xoga algo importante", posto que na UE toman decisións que repercuten directamente á cidadanía.

Saída progresista á crise
Así, considerou necesaria, no ámbito europeo, unha "saída progresista á crise" cunha economía "máis forte", unha arquitectura política "máis potente" e cunha participación "máis directa" da cidadanía. Jáuregui defendeu a idea de "globalizar o modelo social europeo" e contrapúxoa á "destrución" do citado modelo, que, ao seu xuízo, impulsa a dereita.

Por iso, tras recordar que o Parlamento Europeo foi "máis ben de dereitas" nos últimos anos, pediu o "cambio á esquerda". Jáuregui afirmou que nos Estados Unidos os cidadáns "votaron cambio" con Obama e destacou que agora "en Europa tamén hai esa oportunidade".

Barcón di que o PP desvía os debates interesadamente
Na mesma xornada, mais en Santiago, a Portavoz e Secretaria de Coordinación, Acción Electoral e Política Municipal do PSdeG, Mar Barcón, afirmou con respecto á cita electoral do domingo que o que se elixirá é "o modelo de Europa que queremos, se o de Mayor Oreja coas 65 horas, o ladrillo e a desregulación, ou unha Europa social de aposta polo desenvolvemento sostíbel, a protección do medio ambiente e a protección social".

"O PP levaba semanas ameazando en converter a campaña das europeas nun debate en torno á crise", censurou Barcón, "pero como modelo que entrou en crise é o seu, e as medidas que dan respostas á crise son as socialdemócratas, decidiron desviar o debate a outros temas".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: