Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Francisco Millán Mon, candidato do PP

"Os eurodeputados temos que facernos escoitar máis e explicar mellor o noso labor"

"Esas cousas pasan", admite para Vieiros sobre o desbalde de eurofondos, asegurando que a maioría das veces a xestión dos cartos da UE en Galiza foi "extraordinariamente eficaz".

R. Noguerol - 12:00 02/06/2009

Que propón o PP para Galiza en Europa?
O PP entende que estas eleccións son moi importantes para Galiza. Nós elaboramos un programa amplo e ambicioso, onde tocamos todas aquelas cuestións prioritarias para España e para Europa e propoñemos solucións aos problemas dos cidadáns. E nese programa fálase especificamente de cousas que lle afectan moi directamente a Galiza. Enfócase o tema da pesca, da política agraria común, o control das importacións, en definitiva, da viabilidade dos nosos sectores produtivos. E propoñemos cuestións concretas como son a redefinición do proxecto de anulación de cotas leiteiras en 2015 e a protección do sector como estratéxico. Tamén pensamos no transporte, porque Galiza, estando na periferia, necesita esforzo en vías que á acheguen aos grandes mercados europeos. Por último, queremos conseguir a involucración das institucións europeas no Xacobeo 2010.

Nos actos políticos do PP en Galiza, esas prioridades concretas que menciona, aparecen pouco ou fano secundariamente. Falan sobre todo do PSOE... igual que o PSOE fala de vostedes. Non fará iso que aumente o desinterese por estas eleccións?
O noso gran antagonista político é o PSOE, e é normal que insistamos en denunciar as posicións e a falta de proxectos dese partido. Máis nun momento como este de crise, onde nós facemos un esforzo por achegar solucións para os problemas creados polos socialistas. Estamos en eleccións, é evidente, e todo conta, de xeito que ás veces, con tantos factores en xogo, hai que elixir uns temas a destacar por riba doutros. Iso non quere dicir que o resto non sexan importantes. Como dicía, temos un programa bo e ambicioso e a iso me remito.

As eleccións non só son importantes para Galiza, tamén para España e Europa. Pero nós, e eu mesmo, facemos campaña aquí, e o que queremos para Europa querémolo para Galiza. Independentemente de que as eleccións sexan europeas, este é un momento moi importante por moitas outras razóns. E é lóxico que o PP destaque fronte aos cidadáns que é unha opción seria, solvente e responsábel. Demostramos en 1996 que somos capaces de enfrontar unha crise económica con rapidez e xerar un contexto de riqueza e prosperidade. E enfronte só temos o fume de Zapatero. No conxunto de Europa pasa algo parecido, e por iso será bo que haxa unha maioría do PP europeo no Europarlamento.

Conseguirá o sector naval de Ferrolterra a solución que lle reclama á UE?
Temos que ser optimistas. O PP está comprometido con esa loita e na Eurocámara estes anos bombardeamos máis dunha vez con peticións ao respecto. A UE suavizou noutras ocasións castigos como o sufrido por Navantia e desta volta debería suceder tamén así. A presidencia de quenda da UE en 2010 outorgaralle ao goberno español unha capacidade de interlocución sólida e sería de esperar que isto se puidese solucionar. Así e todo, non hai que esquecer que o tempo non pasou en balde e que hai unha crise económica polo medio. Isto non foi unha simple paréntese para a construción civil. Producíronse perdas irreparábeis. Freouse innovación e perdéronse empregos cualificados e cando desapareza o veto iso haberá que telo en conta.

Escoitamos ás veces falar do uso que os partidos fan da Eurocámara como "aparcadoiro". Con ese lastre, como inflúe o traballo dos eurodeputados en captar a atención cidadá? E de quen é culpa a alta abstención?
A culpa é de todos, dos políticos en xeral. Pero, hai que recoñecelo, os principais responsábeis habemos ser os que estamos alí, porque probablemente fallamos, ben porque non nos facemos escoitar ou porque non sabemos explicar o noso labor. Con todo, non é un mal específico de Galiza ou España, senón que se dá noutras partes da Unión Europea. Os parámetros de participación ou abstencionismo galegos non son peores e mesmo mellorar os doutras rexións europeas. A UE é un fenómeno á vez complexo e afastado que non ten as implicacións directas na vida cidadá de, por exemplo, a política municipal. Nese sentido, eu penso que debemos insistir na apelación á proximidade e á influencia nos nosos sectores estratéxicos. Co Tratado de Lisboa o Parlamento Europeo, elixido de xeito directo polo pobo europeo, terá máis capacidade de decisión, e iso implica máis manobra para decidir sobre os propios sectores clave galegos.

O aproveitamento dos fondos europeos foi batalla política máis dunha vez en Galiza. Recentemente está de actualidade outra vez: O PP arrastra fortes críticas pola presunta dilapidación de cartos chegados da UE. Algunha recomendación para a nova Xunta?
Os fondos europeos non sempre son fáciles de aproveitar. Existe unha regulamentación complexa xa para o acceso, e a administración debe ser despois moi eficiente no gasto. Eu creo que en xeral o balance en Galiza é moi positivo. Á vista están os avances conseguidos, sobre todo en infraestruturas, que dan conta da eficiencia acadada. Houbo case sempre unha xestión extraordinariamente eficaz. Se non foi sempre así... esas cousas pasan. E o que hai que facer agora é evitar que sucedan. Por outro lado, hai que lembrar que a etapa de fondos que debemos aproveitar a 2013, trataremos de que se estenda máis aló, vén dunha negociación liderada polo presidente Zapatero onde desde o PP pensamos que se foi pouco ambicioso e se conseguiron menos cartos dos que necesitamos. Doutra banda, non hai momento que a comisaria Hübner advertía que no marco do fondo tecnolóxico de 1.200 millóns de euros, o Estado Español aínda non presentara ningún programa para ser financiado. Isto non pode ser. É importante ser áxiles en pedir os cartos e gastalos despois con eficacia en favor do país.

Vostede vería en Bruxelas como defenden outros países os seus intereses e o traballo dos lobbies diversos. Que notas lle apunta para a Xunta?
É moi importante que Galiza use cada vez máis e reforce os instrumentos cos que xa conta. A Dirección Xeral de Exteriores ou a Fundación Galiza Europa son ferramentas moi importantes. Resumiríao na idea de que Galiza ten que ir moito a Europa. E iso inclúe tamén os conselleiros e os seus equipos, deben viaxar e espremer ao máximo as oportunidades de Europa. Galiza ten moitos intereses e en sectores moi diversos. Moitos sectores estratéxicos dependen ademais de decisións políticas tomadas nas institucións europeas. Diante diso, Galiza ten que se o máis activa posíbel.


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: