Samuel Juárez mantivo unha xuntanza co comité de empresa da factoría e asegurou ter disposición a apoiar calquera iniciativa que sexa viábel.
Os representantes dos traballadores sumáronse á manifestación do SLG este mércores en Santiago
Até o de agora ningunha industria láctea se dirixiu á Consellaría de Medio Rural para amosar o seu interese pola planta que Leite Pascual ten en Outeiro de Rei (Lugo). Así llo asegurou este mércores o conselleiro de Medio Rural aos representantes do comité de empresa. Samuel Juárez asegurou, non obstante, que o seu departamento ten toda a "predisposición para favorecer calquera iniciativa" dirixida a manter a actividade da factoría e os seus 155 postos de traballo. Con todo, recoñeceu que para facer viábeis eses apoios, o goberno galego precisa "dun proxecto concreto" que, de momento, non existe, malia ter tido conversas con algunhas cooperativas.
Un proxecto interesante de 150 millóns
Pola súa parte, o avogado do comité de empresa de Pascual, Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, defendeu que a factoría "pode interesar a calquera produtor de leite", en vista dos seus avances en innovación tecnolóxica e a súa capacidade de produción. Así, sinalou que a planta supera os 150 millóns de euros e asegurou que a compañía a concibe como un activo "que ve como un aval crediticio".
Para os traballadores é fundamental que Pascual inclúa ás 155 persoas do cadro de persoal na operación mercantil na que se embarque (sexa venta, aluguer ou cesión) e propoñen que a empresa desconte a cantidade que vai gastar en indemnizacións ao prezo da planta e que "a venda por un prezo neto pero cos traballadores incluídos".