Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois da presentación do ERE

Denuncian que Pascual comunicou o “vindeiro abandono” da recollida de leite

O SLG sinala que o grupo lácteo está a incumprir unha súa promesa. O comité de empresa de Pascual pediu o apoio de UXT, CIG e CCOO para parar o expediente.

Redacción - 08:00 12/05/2009
Platan de Pascual

Platan de Pascual

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou esta segunda feira que o grupo Leite Pascual "estalles a comunicar" aos gandeiros que lle subministran o leite "o vindeiro abandono" da recollida. O sindicato agrario asegurou non saber "como interpretar" esta decisión, despois de que a empresa leiteira afirmase que o expediente de regulación de emprego (ERE) que pretende aplicar sobre os 155 traballadores da súa planta de Outeiro de Rei (Terra Chá) non implicaría deixar de recoller leite en Galiza.

Nun comunicado, o SLG sinalou que teñen constancia de que nalgunha ruta "si que se está a suprimir" a recollida do leite, unha circunstancia que, a xuízo do sindicato, constitúe "un serio problema", que pode provocar unha situación "moi delicada" e un "novo empurrón" cara ao peche de explotacións lácteas. Por iso, a organización agraria demandou que a empresa "garanta" o mantemento da recollida de todo o leite e que "non se xeren novas vías de incerteza" para o sector".

O comité de empresa de Pascual pide o apoio de UXT, CIG e CCOO para evitar a aplicación do ERE
Por outro lado, o presidente do comité de empresa de Leite Pascual, Pedro Neira, solicitou a complicidade e o apoio dos tres sindicatos maioritarios de Galicia, UXT, CIG e CCOO para facerlle fronte ao ERE.

Así, o representante dos traballadores no comité de empresa, vinculado a un sindicato independente, manifestou que a única opción agora é "loitar e pelexar para que a empresa non leve a cabo este expediente". Nesta liña, tamén pediu o "apoio social de todo Lugo", tras sinalar que os 155 empregados afectados polo ERE continúan acudindo ao seu posto de traballo na factoría, aínda que, segundo recoñeceu, "o ánimo dentro da fábrica non é para traballar con moitas ganas". Neira tamén descartou a adopción de medidas de presión contra a empresa dado que, como sinalou, poden transcorrer "dous ou tres meses" até que finalice a tramitación do ERE e a súa aprobación por parte do Ministerio de Traballo e Inmigración.

O presidente do comité de empresa defendeu, ademais, que a xustificación do expediente de regulación de emprego carece de "fundamentos" ao basearse, entre outras cuestións, nunha redución de vendas.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: