Abandonou a comisión parlamentaria. O BNG asegura que o PPdeG ten “présa” por “controlar” os medios canto antes por mor das eleccións europeas.
Aymerich cualificou de "mascarada" o proceso para o nomeamento
O nomeamento de Alfonso Sánchez Izquierdo como novo director do Consello de Radio Televisón de Galicia (CRTVG) tensa aínda máis as relacións da oposición co Goberno. O último episodio produciuse este mércores. Socialistas e nacionalistas decidiron abandonar a Comisión Institucional, que tiña como único punto a proposta da candidatura.
O voceiro nacionalista, Carlos Aymerich, foi o primeiro en anunciar a medida de protesta. O parlamentario do Bloque dixo que o seu grupo non estaba disposto a “participar nunha mascarada” e subliñaron que en ningún momento consultaron con eles o nomeamento do máis alto cargo dos medios públicos.
O socialista Xosé Manuel Lage foi expeditivo ao falar de Núñez Feijoo, a quen cualificou de “trileiro político, que minte e manipla e falta gravemente á verdade cando di que hai consenso”. Lage reiterou que, contra o que afirma o PPdeG, os socialistas nunca apoiaron o nomeamento de Sánchez Izquierdo.
O BNG afirma que o Goberno quere ter xa o control dos medios
Os nacionalistas denunciaron ademais irregularidades na convocatoria da comisión. Segundo explicaron, o presidente da comisión, Agustín Baamonde, e a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, convocaron a xuntanza co obxectivo de incluir a proposta de Sánchez Izquierdo antes de que o Consello da Xunta o aprobase na reunión do xoves.
Dende o BNG consideran que a “manobra” ten que ver coas “présas” do PPdeG para “controlar” a televisión e a radio en plena campaña electoral. O presidente da comisión afirma que se cumpriu co regulamento.