Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Cara o 7X

O desbalde dos fondos europeos entra en campaña

O PSdeG afirma que impulsará o cambio de modelo económico. O PPdeG acórdase do naval. O BNG recorda a traxectoria de "dilapidación de cartos" do PP.

Redacción - 20:00 25/05/2009

"Con que autoridade moral vai o PP pedirlle o voto aos galegos para as eleccións europeas cando mantén no seu cargo a Roxelio Martínez? Con que autoridade moral vai o presidente da Xunta a pedirlle a Bruxelas que Galiza siga recibindo fondos europeos, cando mantén como superdelegado da Xunta en Ourense a un señor que foi condenado xa pola vía administrativa por malversación de fondos públicos e que agora tamén vai se xulgado polo mesmo pola vía penal?". Así o preguntaba este luns nun acto político en Ribadavia, a cabeza de lista do BNG para estas eleccións europeas, Ana Miranda.

A candidata do Bloque defendeu a "lexitimidade e autoridade moral" coa que, na súa opinión, os representantes do BNG poden defender no Parlamento Europeo que Galiza siga recibindo axudas da Unión Europea. "Algo que non pode facer o PP", reprochou Miranda. Referíase así a líder dos nacionalistas cara a esta cita europea á actualidade que este mesmo luns levaba o delegado da Xunta en Ourense aos xulgados para responder polas acusacións de dilapidación de eurofondos cando era alcalde de Arnoia. Para a candidata do BNG trátase dun exemplo de "como o PP dilapidou os miles de millóns de euros que chegaron a Galiza, sen aproveitalos para crear riqueza no país".

O PSdeG destaca a aposta por unha economía "solidaria"
A importancia dunha "economía baseada na solidariedade con mecanismos que garantan a protección social e que evitan que se poida producir un dumping social que faga que dereitos dos traballadores vaian á baixa" foi o eixo destacado polo candidato do PSdeG nesta cita europea, Antolín Sánchez Presedo, na súa xuntanza con responsábeis dos principais sindicatos do país.

"É necesario que exista unha Europa social, equitativa e responsábel ambientalmente, e que se constrúa a través da concertación", defendeu o candidato socialista. "A crise demostra que vivimos unha globalización sen control e que é necesario que economía funcione de acordo coas necesidades da sociedade", argumentou. "Ao mercado non se lle pode pedir o que non pode dar, e non pode dar xustiza social porque actúa en base á capacidade económica e a transaccións", dixo Sánchez Presedo.

Durante a xuntanza co que xa foi eurodeputado durante a última lexislatura, o secretario xeral de UXT-Galicia, Xosé Antonio Gómez, destacou que "é necesario que a economía funcione de acordo coas necesidades da sociedade". "O mercado non pode dar xustiza social, porque actúa baseándose na capacidade económica, polo que as necesidades humanas non poden atenderse a través do mercado", advertiu. Por outro lado, o secretario xeral de CCOO-Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, referiuse á Directiva Bolkenstein ou á que propoñía semanas laborais de até 65 horas, subliñando que os traballadores "xogan moito" nesta cita coas urnas e recordando que daquela as formacións de esquerda foron clave na súa paralización. Doutra banda, o responsábel de Finanzas da CIG, Ramiro Oubiña, lamentou que a crise "estaba a pagar os traballadores", e alertou de que "a situación estaría máis agudizada" se tivesen saído adiante iniciativas como as antes mencionadas.

O PP promete mirar polo naval de Ferrolterra
Nun encontro con empresarios do sector naval de Ferrolterra, Francisco Millán Mon, candidato do PPdeG nesta cita electoral, acompañado do vicesecretario de Comunicación do PP, Esteban González Pons, prometeu que na actual conxuntura traballarán pola renegociación do veto e o levantamento total ou parcial á construción naval civil que existe sobre a antiga Astano, que impuxo a UE tras o cobramento de axudas ilegais durante o goberno de Aznar.

Ao respecto, o eurodeputado durante a última lexislatura recordou o compromiso asumido polo goberno español durante o último Debate do Estado, cando en resposta a unha interpelación do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, o presidente español asegurou que aproveitaría a presidencia de quenda na UE en 2010 para mirar polo naval. Reflexionou ao fío Millán Mon que a actual situación de crise económica "pode ser un factor que favoreza unha suavización ou un levantamento o antes posíbel da restrición". O PP comprometeuse tamén ante os empresarios da bisbarra a impulsar a posta en marcha dun centro de reparacións de buques na ría de Ferrol.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: