Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convocatoria do SXG

Xornalistas manifestaranse este martes contra a precariedade laboral

Levarán camisolas reivindicativas ás conferencias de prensa e preguntaranlles aos políticos sobre as medidas que van tomar.

Redacción - 18:30 25/05/2009

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) vai iniciar este martes unha campaña para denunciar os despedimentos e a precariedade laboral que lle afecta ao sector da comunicación. Segundo datos do SXG, no 63 por cento dos medios galegos houbo despedimentos ou non renovación de contratos nos últimos meses.

O sindicato está a repartir gratuitamente centos de camisolas entre os xornalistas co lema "Máis despedimentos, menos información", para que as luzan nas conferencias de prensa e nos actos do 26 de maio. O obxectivo é concienciar a sociedade de que, de seguir a precarización das persoas informadoras, periga tamén a pluralidade e a calidade das noticias.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa anunciou a súa adhesión á campaña. Asemade, o SXG fixo un chamamento ao resto das organizacións sindicais e profesionais para que participen na acción reivindicativa.

Segundo os datos recollidos por persoas afiliadas ao sindicato, distintos medios de comunicación, entre axencias, radios e xornais, con até despedimentos de 16 persoas e perdas de dereitos como a transformación dalgúns contratos en falsos autónomos.

A xornada do 26 de maio servirá para preguntarlles aos representantes políticos nas conferencias de prensa sobre se pensan tomar medidas para rematar coa precariedade no sector da comunicación, nun momento en que se aprobaron axudas a actividades como o automóbil, o leite ou a construción. Espérase, así, concienciar os políticos sobre a situación que sofren moitos profesionais.

Por outra banda, o SXG lembroulle ás universidades a súa responsabilidade na precariedade laboral á hora de fornecer estudantes en prácticas que poderían ocupar postos de traballo de profesionais despedidos. No caso de que así sexa, anunciou que se reserva o dereito de denuncialo perante Inspección de Traballo.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: