A incerteza aberta este mércores logo das afirmacións do líder do PP en Pontevedra, Telmo Martín, quedou resolta este xoves coa comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para explicar que, na práctica, a delegación territorial do Goberno en Vigo vai manter idénticas competencias administrativas ás que xa gozaba na anterior lexislatura. "O peso administrativo mantense, só cambia a referencia política", apuntou Núñez Feijoo para xustificar a designación da ex concelleira viguesa Lucía Molares como delegada na cidade.
Segundo Núñez Feijoo as delegacións territoriais do Goberno manterán nas dúas cidades, Vigo e Pontevedra, todos os seus servizos e, de xeito concreto, os 915 funcionarios na capital do Lérez e 620 empregados públicos na cidade olívica. Todos eles "seguirán traballando no mesmo lugar", afirmou Feijoo. O presidente da Xunta insistiu na redución de gastos que suporá pasar de 14 a 2 delegados provinciais e referiuse aos delegados en Vigo e Pontevedra como representantes "oficiais" do Goberno. No primeiro caso en só 14 municipios da área viguesa: Nigrán, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Pazos de Borbén, Mos, Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Cangas, Moaña e o propio Vigo, recordando a vontade de impulsar no futuro a área metropolitana. No segundo caso, subliñou que Xosé Manuel Cores Tourís será o "representante político" nos outros 62 concellos da provincia.
Promesa de aforro na Consellaría de Presidencia Doutra banda, o presidente da Xunta avaliou nun total de 1,5 millóns de euros o aforro posíbel, respecto do orzamento da anterior lexislatura, durante os próximos catro anos na Consellaría de Presidencia.
Asegurou Feijoo que a estrutura aprobada este xoves para Presidencia cumpre coa promesa de "austeridade" ao suprimir dez funcionarios de libre designación (7 xefes de servizo e 3 subdirectores xerais). Por outro lado, destacou que se manteñen seis direccións xerais, "sendo a máis importante a de Xustiza". "O Goberno quere imprimir un cambio de rumbo no funcionamento da xustiza", afirmou ao respecto.