O Goberno convoca unha mesa extraordinaria para negociar a modificación da Lei de Función Pública de cara a suprimir a obrigatoriedade dunha proba en galego.
O Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo convocou para o venres unha mesa xeral extraordinaria de negociación para modificar o artigo 35 da Lei de Función Pública. O seu obxectivo é eliminar a obriga de usar o galego en, cando menos, unha das probas das oposicións.
Deste xeito, o PPdeG pretende derrogar a modificación feita durante a anterior lexislatura e que garantía que un mínimo dunha parte da oposición se tivese que facer na nosa lingua. A modificación faise para garantir a "cooficialidade lingüística" e que "a mobilidade dos cidadáns e das cidadás polo territorio nacional (en referencia ao Estado Español) non se vexa limitada".
Co cambio no texto lexislativo, as persoas que opositen só terán o obriga de acreditar o coñecemento do galego mediante o certificado Celga 4 ou efectuando unha proba. A CIG, a Mesa e AGAL anunciaron que se manifestarán perante a EGAP durante a xuntanza este venres para amosar a súa oposición á modificación, que aínda depende do informe favorábel do secretario xeral de Política Lingüística.