Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo

"Se o BNG non está, Galiza non vai estar"

"Temos que ser vehículo de transmisión das propostas dos movementos sociais galegos", afirma a tamén vicepresidenta da Alianza Libre Europea.

Fernando Arrizado / Vídeo: Isabel G. Couso - 09:00 19/05/2009
Ana Miranda

Ana Miranda

Ana Miranda ocupa o segundo posto na lista da coalición Europa dos Pobos-Os Verdes, aínda que nas papeletas en Galiza van aparecer como BNG. A reivindicación do galego como lingua universal ocupa boa parte desta entrevista, que se produce horas antes do Día das Letras e da manifestación en defensa do noso idioma na capital do país.
 

"É que todo vai unido. A defensa de Galiza alí en Bruxelas, sen ter que pasar por Madrid, e facelo en galego", asegura a candidata do Bloque, que recoñece a sorte de poder utilizalo dende o primeiro día "simplesmente com uma pequena modificação do sotaque".

Trae consigo unha carpeta case tan grande como ela, rebordante de informes, documentos e propostas, porque como lle gusta salientar "as ideas non poden quedar só en boas palabras". Falamos con Ana Miranda, unha muller todo sorriso, todo optimismo, mais, como din os que a coñecen ben, con tamén moito fundamento.


Vieiros: Como sae o BNG da Asemblea? Teme que o debate interno afecte a campaña electoral?
Ana Miranda
: Son profundamente optimista, sobre todo tendo en conta que no BNG se está abrindo un proceso de diálogo moi intenso, e á vez deu unha cohesión interna. Facíalle falla que todas as partes dialogasen. Ábrese un proceso importante. O propio portavoz nacional (Guillerme Vázquez) o outro día (a pasada quinta feira) que nos estreabamos en Sarria dicía que hai que falar con todo o mundo, mesmo con quen non quere falar. Precísase contar con todo o mundo en todas as circunstancias. Aquí hai un pasado importante de xente que se implicou moitísimo.

Estamos nun presente que en verdade é bastante complicado por todas as circunstancias da perda de Goberno, da situación de remodelación interna, evidentemente, da propia sociedade galega. O que si, é unha mirada á fronte, positiva, e eu creo que nesta campaña a xente se vai implicar moito. Algo que nos caracteriza as e os militantes do BNG é a responsabilidade e o compromiso. É moi importante recuperar o escano no Parlamento Europeo, a nosa representación oficial. Confío en que a xente vai estar aí.

Ademais do portavoz nacional, Guillerme Vázquez, gustaríalle ter á súa beira, apoiándoa, as cabezas visíbeis do BNG?

Sería importantísimo ter os referentes do nacionalismo galego, ... pasado, presente, futuro, ... actual e transversal apoiando esta candidatura, nun momento realmente delicado, mais con moitísima ilusión, valentía e compromiso profundo. Que estivesen xente como Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Anxo Quintana, Carlos Aymerich, que estivesen a nos dar forza, contando coa súa experiencia tanto institucional como política, e dende logo o convite váiselles facer e penso que o luns (18 de maio) a Executiva vai plantexar esta cuestión.

Que Europa propón o BNG?
Partindo da situación de crise tan intensa que temos actualmente, defendemos un modelo alternativo ao neoliberal, un baseado na economía produtiva e enfocado no empuxe social. Imos ir a Europa defender os nosos sectores económicos, defender Galiza -e en galego- calquera informe do Parlamento Europeo sen intermediarios. Precisamos alguén con voz galega -e con voto, a voz soa non chega- que presente emendas, negociacións, que fale directamente coa Comisión Europea (CE) cando ten que falar, ...

Porén, despois prodúcense situacións como cando o ex conselleiro de Industria Fernando Blanco foi a Bruxelas pedir que Ferrolterra puidese volver á construción naval civil, e Bruxelas remitiuno ao Estado ...

Precisamente, o BNG o que está pedindo é iso, que a política europea sexa xestionada directamente en Bruxelas por Galiza, e non pola vía do Estado, ao igual que a aplicación dos Fondos Estruturais, que asigna directamente Madrid. O que exiximos é que sexamos nós como nación, como Comunidade Autónoma legalmente constituída, quen teñamos esa competencia directa.

A propósito, como ve a situación actual da nosa lingua en Europa?

Tanto a CE como o Parlamento Europeo negaron as teses dos que rexeitan as políticas de multilingüísmo. Ben o vimos naquel informe que deixou en evidencia a credibilidade de todo o PP. Para todas esas persoas que din que o galego sobra, que só é unha lingua de tres millóns de persoas, eu teño un exemplo na casa. Unha meniña de cinco anos que fala galego en Bruxelas, que fala castelán e francés, que aprende neerlandés e inglés ... todo iso suma sen complexos. Aos nenos non se lles pode impor a idea de que hai linguas que son máis importantes ca outras. Todas son igual de importantes porque van coa identidade.

Realmente, na sociedade semella que hai un desinterese xeneralizado pola política europea e mesmo a sensación de que as institucións da UE non serven para nada, non cre? Ademais, o comportamento absentista dalgúns europedutados non axuda ...

É que tradicionalmente quen vai alí dos outros partidos? Quen vai? Non vai xente como foi Camilo Nogueira, que foi un eurodeputado extremadamente traballador, non. Quen vai é xente como Mayor Oreja. Vai xente que, ademais, cando se lle pregunta polo seu absentismo di que foi para facer lobby europeo. Mire, perdoe, lobby europeo fíxeno eu, que sen ter escano nin representación oficial defendín alí durante cinco todos os nosos sectores produtivos.

Que visión se ten de Galiza en Europa e que papel xoga nisto a Fundación Galicia Europa?

Ás veces é escasa, aínda que o BNG fixo un intenso traballo dende que chegamos. A Fundación Galicia Europa é a oficina encargada de defender os intereses galegos en Bruxelas. É unha entidade semipública. Con participación de capital privado. E dende logo non está a facer as funcións dunha delegación exterior. É máis, con moi pouca transparencia, con escaseza de plantexamentos preventivos para se asesorar en determinadas materias.

Por exemplo, nestes momentos de crise no sector leiteiro, o que tiñamos era que ter unha serie de propostas preparadas para defendelas diante da CE, nos comités sectoriais, con reunións co sector. Ese é un traballo que facía o BNG mesmo sen ter escano e que a Fundación Galicia Europa non fai, aínda por riba movéndose cunha profunda opacidade e non sempre usando a nosa lingua.

Nese senso, no das relacións internacionais, o BNG está integrado na Alianza Libre Europea (partido político, formado por 40 formacións de nacións europeas sen Estado propio). Que valoración fai o BNG desta entente?

Abrimos un marco de traballo enorme que ademais fai que cando cheguemos oficialmente ao Parlamento Europeo dentro de dous meses, xa teñamos uns compañeiros. Non imos ter só unha eurodeputada galega, imos ter un grupo parlamentario que ten posicións moi claras en determinadas materias. O grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea foi o que presentou a emenda á directiva das 65 horas, impedindo a ampliación da xornada laboral semanal. Que ademais ten unha visión moi progresista e que é chave para as negociacións entre os grandes grupos europeos.


4,68/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: