Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Resultado do certame 2008

Unha imaxe para o galego: idioma de moda

Trece traballos competían polo premio que finalmente o xurado decidiu que fose para o documental ficticio elaborado por Xela Rodríguez.

Redacción - 10:00 02/09/2008

"Rirse das situacións e incluso dun mesmo é un bo deporte que moi poucas veces practicamos. Este falso documental non pretende conmover, cabrear ou instruír. Non vai en contra de nada nin de ninguén; só que ás veces o humor é a única forma de expresar os sentimentos, a única forma de loitar por un soño"

Así presentaba Xela Rodríguez o seu traballo audiovisual á edición 2008 de Unha Imaxe para o Galego no apartado de vídeo. Un total de trece creacións competían polo galardón nesta categoría, na segunda edición en que se organiza.

O xurado do concurso estivo integrado por Pedro Corredoira, un dos máis prestixiosos realizadores de vídeo do país no ámbito da publicidade, e por César Galdo, xornalista de longa traxectoria no eido audiovisual.

Ironía e reflexión
O xurado destacou o bo uso que o vídeo 'O galego, idioma de moda' realiza das imaxes de arquivo e o hábil exercicio de busca de planos, loando a imaxinativa contextualización das imaxes. Trátase, en opinión do xurado, dun intelixente manexo do xénero documental mesturado coa ficción especulativa, todo elo enriquecido co verniz da ironía e o sentido do humor.

Expresa o xurado que o traballo gañador fai reflexionar e pensar sen caer na pallasada é a vez sen tomar excesivamente en serio o asunto sobre o que ironiza, amosando a temática dun xeito indirecto e divertido, situando o espectador no futuro e centrándose nunhas hipotéticas consecuencias, mantendo o ritmo visual.

Por outro lado, e alén de subliñar a dificultade de elixir entre varios dos traballos presentados e que compartían unha alta calidade, o xurado quere facer tamén mención especial do vídeo titulado As Galinguas, asinado por Hórreo Project, do que salientan o seu atractivo visual e o esforzo de traballo artesanal para o deseño dunha proposta que respondía tamén dun xeito destacado ás arelas do concurso.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: