Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA

Contra a importación francesa, leite de balde

Gandeiros Unidos repartiron cinco mil litros de leite aos consumidores, nunha campaña de concienciacións sobre a situación do sector. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso - 14:20 16/05/2009

Ao grito de "leite gratis", un cento de gandeiros tomaron a compostelá rúa de San Francisco repartindo litros e litros deste produto. Até cinco mil tiñan pensado distribuír entre os viandantes, cun obxectivo claro: comunicarlles a delicada situación na que se atopa o sector e conciencialos sobre a diferencia de calidade entre o leite galego e o que chega de fóra. Así nolo explica Xosé Agra, un dos principais impulsores de Gandeiros Unidos en Galiza: "é unha cuestión fundamentalmente de calidade, de que non se consuma un produto contando con que ten as mesmas características e propiedades que o noso; o leite que ven de Francia, por exemplo, perde polo camiño, nos diferentes procesos polos que ten que pasar, como o transporte ou o almacenamento".

Pero máis alá de que o consumidor faga unha escolla de produto atendendo á súa calidade, o que preocupa aos gandeiros é que merque leite foráneo pensando que é galego: "por iso lle queremos explicar ao consumidor cales son as diferencias na etiquetaxe (ver vídeo), que queden claro cales son as condicións de trazabilidade dun e doutro produto". Neste sentido, os produtores exixen a trazabilidade dos cartóns, é dicir, que se especifique a súa procedencia: "a nós pídennos trazabilidade pero logo o produto chega á industria e deixan de indicar cal é o lugar de orixe".

Doutra banda, este colectivo, como xa o facían os sindicatos agrarios nos días pasados, critican o posicionamento das distribuidoras: "estase introducindo no mercado español leite a baixo prezo, invadindo o mercado, incorrendo na práctica ilegal do dumping, e iso estanos a afectar moi directamente xa que as industrias xa non queren aceptar os nosos prezos porque poden mercar máis barato produto que ven de fora".

Sindicatos á marxe
Esta asociación de produtores, que integra tanto aos galegos como aos asturianos, cántabros, vascos ou leoneses, é especialmente crítica cos sindicatos agrarios que funcionan no país. "Nós non temos intereses partidistas", insiste Agra, "os nosos obxectivos son outros". Así responde á pregunta de se teñen previstas accións conxuntas co Sindicato Labrego, Unións Agrarias ou Xóvenes Agricultores. Asegura que "o noso propósito é defender o sector e buscar prezos mellores para o leite polos nosos propios medios, e con iso xa temos bastante".

Pola súa banda, as centrais sindicais xa amosaran a Vieiros as súas dúbidas sobre esta organización que nacía o pasado ano, dunha banda pola falla dunha estrutura organizativa e doutra pola súa falta de representatividade (noticia anterior: "Os sindicatos agrarios ven "escuras intencións" no nacemento de Gandeiros Unidos").

Incerto futuro
Mentres, esta organización xa adiantou que dará continuidade a esta campaña de reparto de leite de balde, dando así a coñecer de xeito organizado as súas reivindicacións. Ademais de dos baixos prezos do leite e da competencia desleal das industrias doutros países europeos, tamén se queixan da falta de solucións da administración. "Esperamos que este novo goberno se sensibilice cos problemas que temos agora mesmo e que tome decisións rápidas para evitar o peche das nosas explotacións", di Agra. Con esa exixencia, malia que sen moito convencemento, os gandeiros anuncian que esta iniciativa de protesta continuará a vindeira semana na Coruña con outra entrega masiva de leite.

E en Lugo, dous milleiros de persoas na rúa
Canda esta manifestación de Compostela, outros dous mil gandeiros se concentraron perante a fábrica de Pascual en Outeiro de Rei (Lugo) para demandar das autoridades "que se manteñan os 155 empregos directos que a empresa prevé despedir". Os traballadores percorreron parte da Nacional VI até a entrada da pranta para manifestarse contra estes despidos, que consideran "inxustos e sen fundamento".

"Estamos abertos a negociar calquera saída que pase por manter os empregos", dixo Pedro Neira, presidente do Comité de Empresa de Pascual, "mais a dirección da empreas aínda non entrou en contacto cos traballadores". Segundo o que aconteza nos vindeiros días, non descartan novas mobilizacións.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Falamos con Xosé Agra, de Gandeiros Unidos, sobre a situación do sector

Os produtores exixen a trazabilidade dos cartóns, é dicir, que se especifique a súa procedencia
Os produtores exixen a trazabilidade dos cartóns, é dicir, que se especifique a súa procedencia
Os manifestantes repartiron cinco mil litros de leite de balde
Os manifestantes repartiron cinco mil litros de leite de balde
Os gandeiros tamén piden solucións á Administración
Os gandeiros tamén piden solucións á Administración