Ordes acolleu a presentación desta nova organización que se marca o obxectivo de defender o sector e a suba do prezo do leite polos seus propios medios.
O sector leiteiro galego está a presenciar o nacemento dunha nova organización: Gandeiros Unidos. Esta entidade, que xa funciona noutras comunidades como Asturias, Cantabria, Euskadi ou León, está a sumar adeptos en Galiza e a súa presentación oficial tivo lugar este luns en Ordes. Entre os seus obxectivos está a defensa do sector e a busca de prezos mellores para o leite polos seus propios medios. Malia organizárense á marxe dos sindicatos agrarios e asegurar que non veñen a dividir, dende un primeiro momento recrimináronlles a súa actitude ante a crise do sector ao asegurar que "non defenden os intereses dos gandeiros ante a industria, a distribución ou a Administración". Tal foi a súa crítica que o seu primeiro acto reivindicativo foi o ataque e deitada de leite nas sedes de Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores de Santa Comba, por considerar que non defenderon os seus intereses ao non acudir a unha xuntanza do sector.
O difícil é manterse
De primeiras, as tres organizacións sindicais agrarias (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores) reciben con indiferenza o nacemento de Gandeiros Unidos. "Nós non vemos mal que ninguén se agrupe", din dende o SLG, "nin temos problemas con estes gandeiros nin prevemos que nolos vaian a crear a nós". Con todo, subliñan que "o que nos di a experiencia é que este tipo de entidades duran pouco: unha loita coma esta require un traballo continuo, unha estrutura organizativa viva, atender a opinións ben diferentes... O difícil dunha organización coma esta non é fundala, senón mantela".
Escuras intencións
Malia que ninguén lle resta lexitimidade á iniciativa, dende Unións Agrarias son aínda máis críticos: "primeiro foi a Feplac, logo Prolec e agora Gandeiros Unidos... é a mesma xente e coas mesmas intencións: confundir aos gandeiros". Este sindicato lamenta que a primeira actividade desta organización fose a de deitar leite na sede de Santa Comba: "nun momento coma este hai que estar unidos, non ten precedentes unha actuación deste tipo". É máis, din, "o que está claro aquí é que hai intereses encubertos, é unha entidade un pouco escura e con intencións escuras: agora confunden ao gandeiro e logo buscarán o seu protagonismo despois das eleccións, para sumar apoios".
Gandeiros e non gandeiros
Outra das críticas nas que coinciden os tres sindicatos é a pluralidade profesional que acolle esta organización. Así nolo din dende Xóvenes Agricultores: "o curioso do caso é que está formada non só por gandeiros, senón tamén por vendedores de pensos, de semen... se reparamos nas súas reivindicacións poderiamos asinalas todos (compensación polas cotas lácteas, suba dos prezos...) polo que non entendemos que se organicen á marxe, a non ser que sexa pola busca dun protagonismo persoal". Sobre os seus posíbeis intereses din que son "puramente comerciais". "Hai que ter en conta que nestes momentos de crise, o sector vai tender a prescindir dos gastos máis superfluos e aí é onde máis afectados se ven profesionais deste tipo".