O presidente da Xunta insistiu en que a cita xacobea pode ser "un revulsivo real" para a economía do país.
A posta en marcha de exencións fiscais e patrimoniais é unha das prioridades xa estudadas polo Goberno e propostas no documento que este xoves chegou ao Consello da Xunta, na procura do "maior patrocinio e os maiores recursos posíbeis" para o financiamento do Xacobeo.
Segundo adiantou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a estratexia que despregará p Goberno inclúe iniciativas de promoción "selectivas e diferenciadas", tanto xeograficamente como por idades. "Faremos distintas estratexias de promoción", explicou Núñez Feijoo, "haberá un Xacobeo infantil, un Xacobeo para estranxeiros ou un Xacobeo para maiores". Afirmou Feijoo que a Xunta fará un programa de actuacións por distintos puntos de toda Galiza para que "todos os galegos participen"
De xeito concreto, o presidente insistiu na vontade de que o Xacobeo 2010 sexa revulsivo "real" para a economía e cifrou a meta nun impulso ao Produto Interior Bruto de Galiza nun empurrón de entre 0,75 e un punto porcentual. A celebración do Ano Santo compostelán terá así "tres obxectivos básicos" que, debullou Feijoo, se resumen en facer promoción de Galiza e darlle unha "dimensión internacional" ao país (prevese conseguir varios certificados internacionais relacionados coa excelencia turística), avanzar na recuperación e conservación do patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico e intentar conseguir ese empurrón á actividade económica.
Conversa con Google para o camiño "virtual"
Feijoo comentou tamén a intención de facer unha aposta "en clave de novas tecnoloxías". Ao respecto, dixo que a Xunta está en contacto con Google para que "estabeleza a posibilidade de percorrer virtualmente o Camiño na súa totalidade".
En relación ao acondicionamento de infraestruturas, Feijoo anunciou que o Goberno está a facer unha auditoría do estado "real" das diferentes rutas do Camiño de Santiago co obxectivo de "facer un plan corrector de Camiños" e axeitar a ruta para "facilitar o seu tránsito" e "facer a peregrinación máis atractiva". En conxunto, resumiu Feijoo, o actual Executivo aposta por organizar un "Xacobeo austero, moderno e tecnolóxico" que recupere á súa vez "a espiritualidade que envolve este acontecemento".