O conselleiro de Industria critica a iniciativa do goberno español e non aclara se a Xunta achegará os 500 euros extra propostos.
"Pedímoslle ao goberno español que reconsidere a súa posición, xa que o mercado é estatal, e polo tanto segue sendo o ministerio o que ten que pagar todas as axudas", explicaba este xoves o conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra. "Eles non deben entrar en decisións sobre a a nosa economía, e menos cando estamos en plena discusión sobre o financiamento autonómico", afirmou.
Deste xeito, non aclarou aínda a Xunta se asumirá ou non a axuda adicional suxerida polo goberno español para o relanzamento do sector da automoción. En principio, e desde o próximo luns, a compra dun vehículo novo será financiada cun mínimo de 1.500 euros por parte do Estado e as empresas fabricantes. Para o total dos 2.000 euros prometidos polo goberno español esta semana no Congreso, os gobernos autonómicos deberían achegar 500 euros máis. Á saída da reunión dos conselleiros do ramo co ministro de Industria, Miguel Sebastián, o responsábel de Industria da Xunta non aclarou se o Goberno se vai sumar ao plan.
Con todo, insistiu Guerra en que debera ser un plan exclusivamente estatal. De paso, dixo o conselleiro que lle tería gustado que fose un plan "máis ambicioso" pero "pagado por quen ten que pagalo". Ao respecto do compromiso da Xunta co sector, opinou que Galiza podería poñer recursos "na estrutura da industria". Nese sentido, dixo terlle explicado ao ministerio que o plan de competitividades proposto para a industria é "insuficiente" para Galiza. "Tal como está formulado, o plan non axuda especialmente á industria galega, pero como apenas tivemos información ao respecto, só podemos dicir que estamos para colaborar co ministerio, queremos axudas directas, pero queremos ser preguntados", comentou. Ao fío, lembrou que hai apenas dous meses, e sendo daquela deputado no Congreso, presentou un plan de de axudas directas que o ministro "votou en contra".