Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
François Alfonsi, fundador do PNC (Córsega)

"Insultan o pobo corso e non o podemos denunciar porque 'non existe' como tal"

Candidato ao Parlamento Europeo polo Partido da Nación Corsa, o veterano político mantén a esperanza nunha Europa que permita vencer o centralismo francés.

Fernando Arrizado - 17:00 14/05/2009
François Alfonsi

François Alfonsi

François Alfonsi é candidato do Partitu di a Nazione Corsa (PNC) ao Parlamento Europeo, número dous da coalición Europe Ecologie. En 1989 desígnano secretario xeral da Unione di u Populu Corsu (UPC). Tres anos despois, nas eleccións de 1992, foi elixido membro da Asemblea de Córsega pola formación Corsica Nazione. Posteriormente, foi un dos fundadores do PNC co que foi electo alcalde de Osani en 2001. Ademais é voceiro corso na Federación de Rexións e Pobos Solidarios (R&PS).

Vieiros: Por que ao pobo corso non lle serve a Europa dos Estados?
François Alfonsi: A Europa dos Estados é a negación das nosas identidades e das nosas aspiracións como pobos. Isto pode parecer menos claro visto dende Galiza, porque España concedeu ampla autonomía ao País Vasco, a Cataluña, ou á propia Galiza. Mais Francia nega as identidades e segue a ser altamente centralizada e xacobina. Se o pobo corso conseguiu algúns avances institucionais, amplamente insuficientes para decidir sobre o seu destino, foi grazas a Europa e ás súas principais innovacións en termos de autonomía, de dereitos humanos e de dereitos dos pobos.

Cómpre unha Europa das Nacións?

É evidente que vascos, cataláns ou galegos, aínda cos avances institucionais en España, non están satisfeitos co grao de control que teñen sobre o seu destino, e non reciben o lugar que merecen en Europa. Isto é porque a Europa dos Estados está construída en torno ao capital, e os intereses dos cidadáns, mesmo cando teñen moito apoio, esquécense. É o triunfo do gran capital e dos lobbies.

Mais hai unha outra Europa, capaz de transformar a visión egoísta do mundo occidental, que emana da cidadanía, do respecto polas súas culturas e identidades, polo medio ambiente e pola xustiza social. Esta Europa dos pobos e das rexións solidarias é a que temos mobilizar e reforzar para mudar de xeito radical o noso destino.

Iso vai en contra dos postulados da Francia xacobina ...

Francia é xacobina pola súa historia. Construíuse en torno a este dogma centralista que se define como "un pobo, unha lingua, un destino". Porén, é plural e composta por numerosas culturas e historias diferentes. Por exemplo no caso de Galiza, é bastante obvio que un galego é diferente dun escocés ou dun flamengo. No seo de Europa son iguais en dereitos e deberes.

En Francia, para ser iguais, hai que ser o mesmo. O dereito á diferenza non existe como tal. Cando o pobo corso sofre abusos racistas nos medios de comunicación -ás veces de forma bastante oficial-, non podemos recorrer aos tribunais, porque a resposta é "que non existe o pobo corso" e, por conseguinte, non pode ser insultado como tal ... O pobo corso non pode demandar o ensino oficial da súa lingua, ou que teña o seu lugar na televisión, porque "a lingua da República é o francés."

Europa axúdanos pouco a pouco a combater ese xeito de ver as cousas. Porque Europa realmente é a superación dos Estados. Os corsos, os cataláns e os vascos do norte, os alsacianos, os occitanos, os bretóns, os savoianos son conscientes de que deben mirar a Europa para que o Estado francés recoñeza os seus dereitos.

A situación actual da lingua corsa non parece moi esperanzadora, non si?

As linguas faladas polos pobos no Estado francés están seriamente ameazadas de desaparecer. Figura no informe anual da Unesco. Francia é o único país fundador na UE que non ratificou a Carta Europea das Linguas Minoritarias. Estímase que hai 100 mil falantes do corso, mais posibelmente son moitos menos porque os datos baséanse no número de persoas que o comprenden. Non todos o utilizan na súa vida diaria, poucos son os que o len e moitos menos os mozos que o falan. Se non somos quen de aplicar políticas ofensivas de reconquista lingüística, incluída a discriminación positiva, o corso, como o bretón, o éuscaro, e outras linguas morrerá en poucas décadas.

Dende o punto de vista económico, inmersos neste período de crise, como melloraría a calidade de vida do pobo corso cunha maior autonomía?

Precisamos de máis liberdade, de máis responsabilidade para decidir sobre o noso propio destino. Hoxe somos unha rexión francesa, cunha pequena especificidade recoñecida, construídos como Colectividade Territorial cun certo número de competencias só de xestión. Concédesenos un orzamento -ben escaso-, mais a nosa marxe de manobra é reducida.

O orzamento dunha rexión francesa cunha poboación similar a unha comunidade autónoma en España é de media 25 veces menor. Non temos posibilidade de nos preparar para os retos da globalización.

Todo pasa por París. Cando en Bruxelas se toman decisións importantes para nós, o encargado de nos defender non é o presidente da Asemblea corsa, senón o ministro francés correspondente que non sabe nada de Córsega, non é consciente das súas dificultades e necesidades. Non lle importa, digámolo sen rodeos. As decisións tómanse co prefecto, nomeado por Paris, que comparece cada ano na Asemblea.

Nós reivindicamos unha ampla autonomía, similar á vasca ou catalá, ou sexa, cun poder lexislativo e fiscal forte. Isto está xustificado non só en termos históricos e culturais, senón tamén porque temos unha demografía baixa, unha carencia histórica en infraestruturas, unha crise económica e social grave, con 25 mil traballadores precarios, e un dos PIB máis baixos de Francia. Tamén, un desequilibrio debido á ausencia dun sector secundario, á crise do sector primario e á hipertrofia do terciario.

Que apoios ten o movemento nacionalista na illa?
O movemento nacionalista contemporáneo ten máis de corenta anos. Aumentou progresivamente até os anos 90, cando houbo unha guerra fratricida entre faccións rivais da clandestinidade. No entanto, malia este episodio tráxico da nosa historia, a intensa represión exercida dende os 70, e a algúns erros graves, o nacionalismo segue a ter un forte peso na política local. Co nacemento do PNC, aprendemos das leccións do pasado e refundamos o nacionalismo sobre un triplo compromiso: unha acción estritamente pública e democrática, unha apertura á sociedade civil e unha vontade de acceder a responsabilidades, cun compromiso progresista. Esta nova visión está a dar froitos, aínda que segue a haber discrepancias internas dentro do movemento nacional, entre a corrente radical e a moderada difícil de unir.

E electoralmente?

Nas últimas eleccións municipais, de marzo de 2008, conseguimos resultados moi importantes. Por exemplo, o noso secretario nacional, Jean Christophe Angelini, acadou o 45% dos votos na segunda volta e o 37% na primeira, en Purtivechju, que é a terceira cidade de Córsega e que ten un alcalde líder da dereita insular e amigo íntimo de Nicolás Sarkozy. O PNC concretamente ten máis de 100 concelleiros, incluíndo oito alcaldes, e dous representantes territoriais.

Que esperanzas ten nestas eleccións e na lexislatura que vén no Parlamento Europeo?
Hai que ter presente que é en Bruxelas onde hoxe xogamos o noso futuro, onde se van tomar as decisións máis importantes non só para Europa e o mundo, senón tamén para o noso pobo. A nova lexislatura vai ser emocionante por varios motivos. Os poderes do Parlamento reforzáronse considerabelmente e de se conseguir unha maioría de representantes audaces, Europa podería tomar decisións claves para transformar a sociedade en base a unha maior xustiza, liberdade e respecto polo medio ambiente e polos dereitos dos pobos.


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: