O movemento de liberación corso actual remóntase a finais da década de 1950. O pobo maniféstase en masa en contra da creación por parte de Francia dun centro de experimentación nuclear perto da capital histórica, Corti.
A cidadanía rebélase por completo a principios dos 60 ante o que considera unha nova invasión francesa: a chegada dos
pieds-noirs (pés negros), colonos galos en Alxeria aos que o Goberno da República financiou a súa "recolocación" na illa logo da independencia alxerina en 1962. Moitos destes fixéronse con adegas e fixeron grandes fortunas froito da produción vinícola.
Historicamente, Córsega estivo baixo o dominio de varias potencias mediterráneas, principalmente dos xenoveses co Renacemento. A rebelión contra o pésimo Goberno de Xénova en 1729 levou a un período turbulento, durante o que se orixinou o concepto de
vendetta, que culminou co estabelecemento da República corsa polo líder nacionalista Pasquale Paoli.
Córsega foi anexionada por Francia en 1769, o mesmo ano en que naceu na illa un corso ilustre, para uns, e un traidor á patria, para outros: Napoleón Bonaparte. O que cos anos se convertería en emperador de Francia e o heroe nacional corso coñécense en xullo de 1790.
O primeiro, xacobino, e o segundo, máis próximo ás teses dos xirondinos, rachan relacións en 1793. Bonaparte ten que fuxir de Córsega, e logo dunha breve estancia no continente, desembarca en Aiacciu coa armada republicana francesa co fin de acabar coa revolta dos partisanos de Paoli.
LinguaO francés impúxose como única lingua oficial en todos os ámbitos da Administración. O
corsu sobreviviu como lingua oral e prohibiuse o italiano. Porén, non foi até principios do S.XX, cando se fixo obrigatorio o francés nas escolas, que a lingua propia do país comezou a declinar.
Aínda que o seu uso pouco a pouco se normaliza na educación, na actualidade cada vez menos mozos e mozas teñen o corso como primeira lingua (ou o ligur, en Bonifaziu). Ademais, a tendencia é a usar o francés en ámbitos formais e o idioma propio, na casa e noutras relacións sociais.
O corso está estreitamente emparentado co toscano. Fálase en todo o territorio e mais na illa da Madalena, ao noroeste de Sardeña. Os habitantes de Córsega que non usan o corso son franceses chegados do continente ou
pieds-noirs. Os oriúndos do país fálano ou sábeno falar, e o seu uso converteuse nun símbolo de identidade fronte ao colonialismo francés.
Continuar lendo: Tralo ronsel de Pasquale Paoli