Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
aproveitando o levantamento do toque de queda

Milleiros de persoas foxen do val ocupado polos talibáns en Paquistán

O exército asegura ter matado 200 islamitas nas últimas horas.

Redacción - 08:00 11/05/2009
Civís paquistanís fuxindo da zona de conflito, o Val do Swat

Civís paquistanís fuxindo da zona de conflito, o Val do Swat

O domingo pola mañá ergueuse o toque de queda no Val do Swat, momento que aproveitaron milleiros de civís para fuxir da zona e dos combates entre o exército de Paquistán e os talibáns.

Os militares paquistanís aseguraron ter matado a perto de 200 talibáns neste distrito, e no de Shangla, que está a carón. Porén, a incapacidade do goberno para facerlle fronte ao crecente número de persoas desprazadas corre o risco de minar o apoio popular que tiña esta operación militar no Swat.

Tras o levantamento do toque de queda, decenas de milleiros de residentes na contorna do Val do Swat, ocupado polos talibáns, recolleron as súas pertenencias e botaron a andar, fuxindo con rapidez, ante a posibilidade de que este anuncio significase unha intensificación dos combates. "A miña información é que máis de 100 mil persoas conseguiron abandonar Swat durante o día de hoxe", declarou o domingo o ministro de Montes de Paquistán, Wajid Ali, que é tamén deputado por Mingora, a principal cidade deste distrito. Con estas 100 mil persoas, xa son 300 mil as desprazadas dende que o exército paquistaní lanzou a ofensiva militar para frear o avance dos talibáns hai dúas semanas.

Axudas para os desprazados
A ONU e o goberno de Islamabad pedíronlle á comunidade internacional que faga aportacións extraordinarias para facerlle fronte a este importante éxodo de civís. O sábado, o primeiro ministro, Yousuf Raza Gilani, suxeriulles aos membros do goberno federal que donasen os seus soldos dun mes ao fondo de axuda aos desprazados pola operación militar no Swat. Porén, só os membros do goberno e do Parlamento da Provincia da Fronteira Noroccidenal (NWFT, nas súas siglas en inglés) anunciaron que van facer este aceno de solidariedade.

De todos os xeitos, nun país que acaba de pedir en empréstito de 5,6 millóns de euros do FMI para evitar a bancarrota, estas axudas son pequenas.


Máis información:


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: