O goberno paquistaní decidiu intensificar a ofensiva, enviando tres divisións á zona de conflito, que dura case dúas semanas.
O goberno de Paquistán deulle esta quinta feira a orde ao exército para que eliminase os combatentes talibáns, contra os que levan 12 días enfrontándose no Val do Swat. O conflito obviou o controvertido acordo de paz asinado hai tres meses entre goberno e islamitas, que lles daba liberdade aos talibáns para instaurar a sharia -lei islámica- na rexión, unha decisión que os EUA consideraron desafortunada. A ofensiva está a obrigar a milleiros de civís a abandonar a rexión, convertendo o conflito nunha nova crise humanitaria.
Nun discurso transmitido en directo pola TV, o primeiro ministro, Yusuf Reza Gilani dixo que o seu goberno "decidiu non dobregarse ante os terroristas", manifestando que lle encargou "ao exército que elimine os militantes", para o que solicitou o apoio de todos os cidadáns nesta loita. A medida, xa agardade polos cidadáns e pola comunidade internacional, significa unha inmediata ampliación das operacións militares, que hai case dúas semanas, intentan frear o avance talibán. A entrada en acción de avións de combate, esta semana, facía presaxiar este escalada.
Porén, en todos estes días de loita, foise fraguando unha nova crise humanitaria en Paquistán. Perto de 40 mil persoas abandonaron a rexión, e as autoridades temen que a metade dos 1,6 millóns de habitantes do Val se vexan obrigados a fuxir.