Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sen saberse se van entrar empresas galegas

Unión Fenosa quere desprenderse do seu 49% de Sogama

Gas Natural xa adiantara a súa decisión de vender os activos desvinculados do sector enerxético.

Redacción - 12:15 07/05/2009
A xestión dos residuos feita por Sogama foi obxecto de polémica nos últimos meses

A xestión dos residuos feita por Sogama foi obxecto de polémica nos últimos meses

A eléctrica de orixe galega, Unión Fenosa participou como socia, no ano 1992, xunto coa Consellaría de Medio Ambiente, na posta en marcha de Sogama. Naquela altura a Xunta de Fraga decidira desenvolver o seu propio complexo de tratamento de residuos no Concello de Cerceda (Ordes), a poucos metros da central térmica de Meirama, que Fenosa explota dende os anos 70.

Porén, despois de anos obtendo beneficios da xestora de residuos -Vieiros xa lles contaba que a eléctrica foi a verdadeira dona, señora e principal beneficiada dos cartos públicos cos que funcionaba Sogama-, coa chegada do bipartito ao poder, en 2005, as cousas mudaron. A xestión fíxose transparente, e comezaron a abrollar os escándalos. Daquela, a empresa catalá Gas Natural, que estaba en pleno proceso de adquisición de Unión Fenosa, considerou que as noticias que destapaban a mala xestión en Sogama estaban a prexudicar a súa imaxe, co que comezaron as xestións para desprenderse da central de Cerceda, argumentadas na decisión da gaseira de vender todos os activos non vinculados ao sector enerxético.

A gaseira catalá debe desprenderse de tres mil millóns dos seus activos
Porén, tamén hai que ter en conta que o xigante enerxético catalán, no marco da operación para facerse con Fenosa, comezou a se desprender dos activos da eléctrica no noso país. De feito, o pasado 27 de abril, apenas catro días despois do inicio do proceso formal de fusión por "absorción" co que Fenosa pasa a formar parte de Gas Natural, confirmouse a afectación que esta operación no sector enerxético vai ter en Galiza, cando a empresa lle comunicou aos traballadores que a factoría de ciclo combinado de Sabón, en Arteixo será vendida, dentro do plan de desinvestimentos imposto por Competencia. En total, a gaseira debe desprenderse de activos por valor de tres mil millóns de euros para financiar a compra e facilitar a integración de Unión Fenosa na súa estrutura.

Con esta operación, os traballadores temen que periguen os postos dun cento de operarios que viven de Sabón, sobre todo se o complexo pasa a mans dun grupo enerxético internacional, como a rusa Gazprom ou a lusa EDP.

Unión Fenosa podería deixarlle paso a empresas do país en Sogama
A mediados de febreiro deste ano, unha información do xornal madrileño El País apuntaba o escaso interese que tería Gas Natural en Sogama. Unha das razóns eran os xa comentados desencontros entre a Xunta do bipartito e a compañía eléctrica á hora de deseñar o modelo de xestión do lixo. A crise máis forte desencadeouse cando, no verán de 2007, se fixo público un informe do Consello de Contas que fiscalizaba a anualidade de 2004. O documento, moi crítico coa xestión da Xunta de Fraga, tamén acusaba a Sogama de beneficiar sistematicamente nas adxudicacións a Unión Fenosa. Os contratos millonarios facían máis gorentosa a participación do socio privado no ente público.

Fontes da Xunta consultadas por Vieiros naquela altura, recoñecían que nos últimos meses do ano 2008 Unión Fenosa estaba "menos implicada. Aínda que polo de agora non houbo ningunha comunicación oficial, hai quen apunta que empresas de capital galego estarían dispostas a mercarlle á eléctrica a súa participación en Sogama.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: