Al vent,
la cara al vent,
el cor al vent,
les mans al vent,
els ulls al vent,
al vent del món.
I tots,
tots plens de nit,
buscant la llum,
buscant la pau,
buscant a déu,
al vent del món
Raimón tiña 19 anos cando escribiu
Al Vent, di que despois dunha viaxe en moto. O vento golpendo na cara como sensación de liberdade; era 1959 e habería que agardar até 1963 para que a canción se editase nun disco. Xa daquela Raimón (Ramón Pelegero Sanchis) era un cantautor coñecido na
Nova Cançó dos Países Cataláns, cun estilo máis áxil que se distanciaba da melancolía brasseniana de
Els Setze Jutges. A canción converteuse nun símbolo da resistencia contra a ditadura, en Barcelona, en Valencia, en Madrid, e tamén en Compostela.
Este mércores Raimón foi homenaxeado na Universitat Politècnica de València. No acto afirmou que nestes cincuenta anos "cambiaron algunhas cousas, pero outras non", engadindo que "antes censurábante, agora montan excusas para non deixarche cantar". O cantautor de Xátiva referíase especialmente a Valencia, onde debido ao seu activismo catalanista e de esquerdas non actúa dende o ano 2000, e onde só unha vez, en 1992, apareceu na televisión pública autonómica.