Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
SUMARIO DE XERFA

Manuel María, Espriu e Raimon

Nunha entrevista, ou nunha autopoética, non lembro, Manuel María afirmaba que cando non podía falar coa xente, escribía. E falou moito e escribiu moito, porque a súa era unha conciencia dacabalo da palabra. No seu horizonte humano e ético, Cataluña ocupou un lugar destacado, singularmente a "conversa po/ética" con Salvador Espriu e Raimon. Un artigo de Helena González.

- 17:06 22/11/2004
Tags:

Manuel María cita a Salvador Espriu como un dos seus autores de cabeceira. Desde Monforte enviaba a Passeig de Gràcia as novidades literarias galegas, especialmente as que ían saíndo na colección Val de Lemos da que Manuel María era editor: "Eu mandáballe a Espriu tódolos libros galegos que ían saíndo, de rapaces novos. El comentábamos nas súas cartas".

Naquela altura o galeguismo de esquerdas lía a Espriu con intensidade. Nel vían o poeta concienciado que se achegaba ao pobo. Naturalmente o galeguismo non marxista non compartía en absoluto aquela admiración, nin no ético nin no estético. Sen embargo, para a mocidade nacionalista e/ou marxista, era un dos poetas contemporáneos fundamentais, un símbolo da resistencia. Porque Espriu puña voz ao pobo, Raimon aos seus versos e os mozos, nos recitais e escoitando os discos, repetían unha voz da que se sentían parte.

Manuel María é un dos autores máis populares dos anos 60 e 70. De verso abundante como Neruda, acerta Ferrín na súa necrolóxica cando di que hai nel zonas neutras e xemas raras. Remol é un dos libros máis políticos do Manuel María dos anos 60, o da conciencia e a revolta, o de "Acuso á clase media" ou "Proclama contra a guerra atómica". Nel faise realidade aquela necesidade de escribir para falar, de abrir conversa, de axitar. Os poemas escribíronse entre 1963 e 1968, ou se se quere, entre Longa noite de pedra (Celso Emilio, 1962) e La pell de brau (Espriu, 1969). Sen embargo o tránsito cara á publicación non foi nada doado. Tentouno en Galaxia, en Península e mais no Centro Galego de Barcelona, e aínda no esquerdista Cuadernos para el Diálogo de Madrid, pero finalmente publicouno Nós, editorial dos galegos de Bos Aires. Remol é un libro de brasa acesa, claro: versos de autoafirmación, denuncia e homenaxe.

Nel hai tres poemas escritos mirando a Cataluña: "Galiza", dedicado a Espriu, "Homenaxe a Joan Maragall" e "Mensaxe a Raimon". Ademais, sobre o cantautor fixo un estudio-crónica apaixonado nas páxinas de Grial (núm. 18, 1967) co gallo do recital celebrado na Universidade de Compostela, o 9 de maio, xusto un ano despois do seu triunfo no Olympia de París. O artigo titulábase "Raimon, o poeta do noso tempo".

"Mensaxe a Raimon" é unha desas xemas raras que agora, co pasamento de Manuel María, paga a pena reler, para poñer un contrapunto ao loito e a ausencia. Está nas Obras completas.

Outros Sumarios


5/5 (1 votos)