Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións o 7 de xuño

Ao Parlamento Europeo "para defender a voz de Galiza e os nosos sectores produtivos"

O BNG, ERC, Aralar, Os Verdes, EA e a CHA presentaron a súa coalición soberanista para as eleccións nun acto plurilingüe no Congreso español.

Redacción - 15:15 06/05/2009

A coalición Europa dos Pobos-Verdes, integrada por ERC, BNG, Aralar, Os Verdes, Eusko Alkartasuna, a Chunta Aragonesista e Entesa per Mallorca, presentou esta cuarta feira no Congreso dos Deputados, en Madrid, nunha conferencia de prensa plurilingüe, o seu manifesto para as eleccións europeas do vindeiro 7 de xuño.

Durante o acto, que se desenvolveu nunha das salas da Cámara Baixa, escoitáronse palabras en castelán, catalán, galego, éuscaro e aragonés, xa que os candidatos de cada unha das formacións presentes repartíronse a lectura do manifesto, e cada un leu a súa parte na lingua que ha defender na Unión Europea. Aínda que en diversos idiomas, todos eles deixaron claro que, xunto co "dereito a decidir" dos seus respectivos pobos e a necesidade de avanzar cara a unha Europa sustentábel en todos os sentidos, a defensa da diversidade política, lingüística e cultural do continente será unha das súas prioridades na Eurocámara.

"As eleccións europeas son unha boa oportunidade para presentar en Europa un proxecto común que defenda tanto os intereses de Galiza, Euskal Herria, Aragón, os Países Catalans e de todos os pobos do Estado Español. E todo iso dende a perspectiva da súa lingua, a súa cultura e a súa identidade, como dos valores democráticos, as políticas sociais e dunha visión de futuro ecolóxica e sustentábel", resume o manifesto. No acto participaron os seis primeiros candidatos da lista: Oriol Junqueras (ERC), Ana Miranda (BNG), Iñaki Irazabalbeitia (Aralar), Pura Peris (Confederación Estatal d'Os Verdes), Sabin Intxaurraga (EA) e Miguel Martínez (CHA).

Denuncia a existencia da circunscrición única no Estado Español
Junqueras xustificou a presentación da candidatura en Madrid polo feito de que en España, a diferencia do que acontece na maior parte dos países grandes ou medianos da UE, rexe a circunscrición única para as europeas. Tamén aproveitou para denunciar que esta fórmula incumpre o principio de subsidiariedade e non achega o poder político aos cidadáns da Unión.

"Os nacionalistas galegos imos devolverlle a voz a Galiza en Europa".
Pola súa banda, cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda subliñou que a coalición afronta a cita do 7 de xuño con "enerxía, optimismo e coa seguridade" de que terán representación no Parlamento Europeo. Miranda tamén asegurou que "os eurodeputados galegos do PP e do PSdeG non defenderon a Galiza até agora, non actuaron para modificar a Política Pesqueira Común ou a Política Agraria Común no relativo aos nosos sectores produtivos". Nesa liña, Miranda expresou a solidariedade e o apoio do Bloque aos produtores de leite e aos traballadores da industria de transformación ante os difíciles momentos que está pasando o sector.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: