Ángel de la Cruz, Antón Dobao e Ignacio Vilar, responsábeis de 'Os mortos van ás présas', 'A Mariñeira' e 'Pradolongo', preparan novos filmes.
Os mortos van ás présas foi, sen dúbida, a gran triunfadora da gala de entrega dos Mestre Mateo. Era a favorita, e deixou escapar moitas das súas nominacións, pero os seus nove premios, incluído o de mellor película e tres dos catro galardóns á interpretación, converteron o filme de Ángel de la Cruz no filme galego máis premiado do ano. Os Mestre Mateo serivrán para relanzar o filme, que continúa a súa promoción internacional e o seu tránsito por festivais de todo o mundo: a próxima cita é Nápoles, e despois chegarán Londres, Toulouse e latinoamérica, presentando o filme no prestixioso festival de Mar del Plata en xuño. Ademais, Ángel de la Cruz prepara xa o seu novo filme. Colaborará no guión con Beatriz Iso, con quen xa traballou en O soño dunha noite de San Xoán, e aínda que non se adiantou gran cousa sobre este proxecto, si se sabe que boa parte se filmará en Euskadi.
Alfonso Zarauza e a súa A noite que deixou de chover foi o outro gran gañador; catro premios, pero entre eles o de mellor director e mellor guión. Polo de agora, Zarauza continúa coa promoción da súa primeira longametraxe, que xa acadou o premio no Festival de Cinema Latino de Los Ángeles e foi saleccionada nos de Valladolid e Viña del Mar.
Levaron premios tamén os filmes de Antón Dobao, A Mariñeira, e Ignacio Vilar, Pradolongo, ambos os dous filmados en galego. Os dous directores teñen xa novos proxectos en marcha, e de feito Dobao leva xa algunhas semanas presentando en varios festivais a súa nova tv-movie, O club da calceta, levando o premio por exemplo no Festival Internacional de Cinema e Vídeo de Vila Nova de Famalicão. Finalmente, este ano Ignacio Vilar rodará Vilamor, a sucesora de Pradolongo. O realizador leva meses escollendo as localización para o filme, que conta a historia dun home que regresa anos despois á comuna hippy do Courel na que se criou. Poderemos vela en 2010.