O goberno español pedirá a ampliación dos límites da plataforma continental de Galiza alén das 200 millas mariñas.
A Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar de 1982 permite que, naqueles casos nos que a marxe continental excede das 200 millas, os estados ribeiráns estendan a plataforma continental, de forma que trasladen o seu límite exterior e, consecuentemente, a súa área de explotación. Xa que logo, o goberno español acordou solicitarlle formalmente á ONU ampliar os límites da plataforma continental de Galiza máis alá das 200 millas mariñas contadas dende as liñas de base da costa, de forma que a superficie de explotación se ampliaría en torno aos 50.000 quilómetros cadrados.
En 2005 o buque oceanográfico 'Hespérides', en colaboración co Instituto Xeolóxico e Mineiro, partiu do Porto de Vigo para estudar a ampliación dos territorios submarinos sobre os cales o Estado Español ten dereitos de soberanía. Esta investigación, na que colaborou entre outras a Universidade de Vigo, determinou que se cumpren os requisitos necesarios para ampliar a plataforma continental, de forma que se estendan os dereitos sobre os recursos mariños da zona ampliada.
Estes recursos abranguerían os enerxéticos, como petróleo ou gas, no caso de atopárense depósitos, e outros de interese económicos do solo e o subsolo mariños, como manganeso ou sulfuros, así como as especies animais que viven en contacto físico co fondo do mar. A solicitude oficial vaise facer ante a secretaría das Nacións Unidas o próximo 13 de maio.