Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Alternativas nos programas "abertos"

A nosa lingua segue esquecida polo software propietario

Mentres, o catalán e o éuscaro seguen avanzando en programas de uso masivo como o Adobe Reader ou o Windows Explorer.

Redacción - 14:00 28/04/2009
Logotipo do Adobe Reader

Logotipo do Adobe Reader

Mentres o galego segue avanzando no eido do software libre, a nosa lingua segue esquecida, ás veces dun xeito estrepitoso, nos programas propietarios. É o caso, por exemplo, do lector de PDF máis estendido, o Adobe Reader. A súa última versión, a 9.1, ten localizacións ao catalán e ao éuscaro, mais non na nosa lingua.

Tamén é certo que só hai traducións da última versión do software a eses idiomas ibéricos, xunto co portugués, para Windows, e non para Mac e Linux. En calquera caso, sempre se pode optar por lectores de PDF libres, que si están traducidos ao galego. Mesmo a empresa se seguridade F-Secure recomendou usar solucións alternativas ao lector de Adobe, afectado ultimamente por diversos fallos que lles abren a porta a virus e código malicioso.

En calquera caso, é evidente que a tradución de software propietario ao catalán e ao éuscaro contou, necesariamente, co apoio dos seus respectivos gobernos. Algo semellante aconteceu co navegador de Microsoft. O Windows Explorer 8 acaba de saír traducido ao catalán e farao proximamente en éuscaro. Non estará en galego, tampouco. Unha vez máis, o software libre é a alternativa para poder navegar pola web na nosa lingua, e tamén unha solución máis segura. O expoñente máis coñecido é o Mozilla Firefox.

Outro tanto se podería dicir do paquete ofimático de Microsoft, Office, e do seu principal competidor libre, OpenOffice.org. O primeiro non está en galego e o segundo, si, grazas ao apoio da administración a través de Mancomún.


4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: