O Centro de Referencia de Software Libre Mancomún coordinará a versión en galego do navegador libre máis popular.
Tristan Nitot publicou unha rectificación no seu blog
Despois das súas polémicas afirmacións en Barcelona, Tristan Nitot rectifica e anuncia que haberá versión oficial do navegador Firefox na nosa lingua. O presidente e co-fundador de Mozilla Europa dera a entender a semana pasada que non había interese dos galegos en ter unha tradución do software.
A reacción dos grupos de tradutores non se fixo agardar e, co apoio da Consellaría de Innovación e Industria e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún), puxéronse en contacto con Nitot, que xa publicou unha rectificación no seu blog.
Despois de anos de falta de entendemento con Mozilla e do traballo desinteresado de grupos de persoas que trouxeron o navegador á nosa lingua, xa dende as súas primeiras versións, por fin a tradución ao galego será oficial e aparecerá na web de Mozilla xunto ás outras versións.
Na web de Mancomún publícase un resumo de todo o proceso de contacto con Nitot e mais unha reportaxe sobre como funciona a tradución de software á nosa lingua.